viernes. 26.04.2024

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde conmemoran o Día Internacional da Enfermería, que se celebra este 12 de maio. Nesta data, o departamento que dirixe Julio García Comesaña remarca a súa aposta por este colectivo, como o reflicte a recente publicación, o pasado mes de marzo, dun novo proceso selectivo para o acceso á categoría de persoal de enfermería, sendo o número de prazas convocadas un total de 1.070, das que 745 corresponden a acceso libre, 268 a promoción interna e 57 á quenda de discapacidade. O prazo de inscrición está actualmente aberto e finalizará o 15 de xullo.

Sinalar que o cadro medio de efectivos, a marzo deste ano, reflicte que un 87,76% do persoal de enfermería son mulleres, en concreto, 10.289 de 11.723.

Destacar, así mesmo, que nos últimos dez anos (2012-2021), incorporáronse ás institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, coa condición de persoal estatutario fixo, trala resolución dun proceso de concurso-oposición, 1.035 enfermeiras e 182 enfermeiras especialistas.

Xunto ao anterior, Sanidade subliña que a convocatoria de prazas actualmente aberta incrementarase nas próximas datas, unha vez se publique o decreto de oferta pública de emprego de estabilización, nun total de 252 prazas, sen prexuízo das que, no seu caso poidan resultar de taxa ordinaria.

Ademais, está previsto unha convocatoria de concurso de méritos con 437 prazas máis. En canto ás especialidades (matrona, saúde mental, obstetricia – xinecoloxía), entre outras, están previstas 193 prazas.

Como novidade deste proceso selectivo recentemente convocado, redúcese a nota de corte para a superación do exercicio eliminatorio da parte específica, que pasa de 50 puntos a 35, e se valoran cunha puntuación específica adicional que se inclúe no apartado doutras actividades, os servizos prestados na pandemia durante o período comprendido entre o 14 de marzo de 2020 e o 9 de maio de 2021.

Sinalar que os profesionais de enfermería de atención primaria do Sergas realizaron, ao longo do ano pasado, máis de 14,7 millóns de consultas. Delas, máis de 14,2 foron realizadas nos centros de saúde e ao redor de medio millón nos domicilios dos pacientes.  Desas consultas de enfermería realizadas ao longo do pasado ano, preto de 200.000 corresponden ao Programa Conecta 72, posto en marcha polo Sergas para mellorar a continuidade asistencial a través da realización, nas primeiras 72 horas post-alta, dunha consulta telefónica por parte do profesional de enfermería de atención primaria aos pacientes que foron dados de alta hospitalaria.

NA VANGARDA

O lema proposto polo Consello Internacional de Enfermería para este día: Unha voz para liderar, reforza a nosa idea de que a enfermería galega está a liderar moitos dos proxectos innovadores que poñen á vangarda ao Sergas.

Son numerosos os cambios e enorme a evolución da profesión enfermeira dende que a galega universal, Isabel Zendal, participara na primeira Real expedición filantrópica da vacinación da varíola nos albores do século XIX, ata que, de novo a outra pandemia, a da covid, puxo á enfermería na primeira liña da acción.

Ademais dos coidados prestados a todas as persoas contaxiadas polo virus e liderar os cribados poboacionais con máis de 7.159.232 probas realizadas, as enfermeiras galegas tamén lideraron a campaña de vacinación administrando, nun tempo récord, 6.650.351 de doses, isto fai que 2.533.203 de persoas residentes en Galicia recibiran a pauta completa da vacina da covid, liderando a vacinación en todo o Estado ao alcanzar taxas de cobertura vacinal do 95,6% coa pauta completa sobre poboación maior de 12 anos.

A enfermería galega está situada na vangarda liderando diferentes medidas innovadoras no seu facer diario. Estamos en primeira liña tanto a nivel nacional como internacional no manexo de programas que se sustentan nos avances tecnolóxicos, como o seguimento en liña de pacientes a través da Consulta telefónica, o Conecta 72 e TELEA. Esta modalidade de seguimento remoto, que partiu como unha ferramenta de seguimento a pacientes crónicos, foi outro dos piares de control das persoa illadas no seu domicilio durante a covid. TELEA segue a ser unha dos programas liderado pola enfermería, que xa foi utilizado por 1.171.678 persoas desde a súa posta en marcha, e que, a día de hoxe, ten activos 19.435 pacientes repartidos entre os 25 perfís das distintas patoloxías controladas.

O Sergas continúa a traballar para implementar programas innovadores que aumenten a seguridade dos pacientes e a calidade dos coidados, poñendo a disposición de todas as enfermeiras programas como o FEMORA, que normaliza os procedementos de enfermería que son actualizados coa última evidencia científica dispoñible. O programa ÚLCERAS FÓRA, outro dos proxectos lideres das enfermeiras, pon en marcha continuadamente formación e información en materia de feridas a través do Portal Úlceras Fóra.

Día Internacional da Enfermería
Comentarios