martes. 04.11.2025

A Deputación de Pontevedra financia con 717.500€ a segunda fase da humanización de Sineiro no Grove

A Deputación de Pontevedra financiará con 717.500€ a segunda fase da humanización do barrio de Sineiro no Grove, a través do Plan Extra, para mellorar a seguridade, mobilidade e os servizos urbanos da zona.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, formalizou este luns a colaboración económica co Concello do Grove, liderado polo seu alcalde, José Cacabelos.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, formalizou este luns a colaboración económica co Concello do Grove, liderado polo seu alcalde, José Cacabelos.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, formalizou este luns a colaboración económica co Concello do Grove, liderado polo seu alcalde, José Cacabelos, para impulsar a segunda fase do proxecto de humanización da contorna de Sineiro. A sinatura do convenio enmárcase dentro do Plan Extra, a nova iniciativa de investimentos do goberno provincial que destina ata 38 millóns de euros aos concellos de menos de 50.000 habitantes para a execución de proxectos estratéxicos.

No acto celebrado no Pazo provincial, Luis López e José Cacabelos selaron un acordo polo cal a Deputación achegará o 100% do orzamento necesario para esta fase, que ascende a 717.500€. Desta cantidade, máis de 538.000€ provirán directamente do Plan Extra, mentres que os case 180.000€ restantes, destinados a cubrir a parte que correspondería ao Concello, serán financiados a través dos fondos do +Provincia.

O proxecto ten como obxectivo dar continuidade á humanización do barrio residencial do Sineiro, intervindo nas rúas Extremadura, Valencia e Rioxa. A actuación prevista contempla a reordenación dos espazos viarios seguindo criterios de mellora da seguridade, a mobilidade e a accesibilidade peonil, co fin de crear espazos de calidade para os veciños. A solución proposta inclúe a reconfiguración destas rúas para facelas máis amables para os peóns, ampliando o ancho das beirarrúas, establecendo sentido único para o tráfico rodado e reordenando as zonas de aparcamento. Ademais, levarase a cabo a renovación integral dos servizos urbanos, mellorarase a iluminación e instalaranse novos elementos de mobiliario urbano e zonas de xardinería.

A colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello do Grove vai máis alá do Plan Extra. O Concello ten previsto recibir ao longo deste ano un total de 1,59 millóns de euros por parte do organismo provincial a través de diversos programas do servizo de Cooperación, como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

A Deputación de Pontevedra financia con 717.500€ a segunda fase da humanización de...
Comentarios