viernes. 26.04.2024

A Xunta de Galicia vén de resolver no Diario Oficial de Galicia as axudas para o funcionamento dos grupos de investigación máis competitivos do sistema de I+D+i para o período 2022-2026, que supoñen unha inxección de 20,3M€ por parte da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

A través desta resolución conxunta entre ambos departamentos, o Goberno galego financia o funcionamento estrutural e estable dun total de 117 grupos e proxectos de investigación do sistema de I+D+i de Galicia, 91 deles nas tres universidades públicas e os outros 26 noutros organismos científicos públicos como as fundacións de investigación sanitaria radicadas en Galicia, ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e ao CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas).

O obxectivo desta liña de axudas é asegurar un financiamento estrutural e continuado, condicionado a criterios de calidade, que garanta un financiamento basal dos grupos científicos máis excelentes do sistema galego de investigación universitaria que lles permita desenvolver o seu labor de xeito estable e cunha liberdade de acción suficiente para reorientalo de ser o caso.

Con cargo a esta liña de axudas, o Goberno galego leva mobilizado preto de 200M€ para estes grupos, o que garante que nestes momentos haxa o maior número de equipos científicos activos da historia

GRUPOS DE REFERENCIA COMPETITIVA     

Nesta convocatoria benefícianse un total de 46 Grupos de Referencia Competitiva (Modalidade A), a razón de 42 nas universidades públicas galegas e catro noutros organismos de investigación de Galicia. Estes grupos caracterízanse por bos índices de publicacións científicas, un nivel de captación de recursos elevado e competitivos a nivel estatal e en moitos casos internacional.

Neste caso o orzamento é de preto de 13M€ e as axudas teñen unha duración máxima de catro anos. O importe total de cada unha das axudas vén determinado por unha contía estrutural máis outra variable asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo como un indicador xenérico da súa competencia e capacidade de consolidación, e distribúense por anualidades de acordo a un módulo fixo anual e outro variable.

GRUPOS

Os Grupos de Potencial Crecemento (Modalidade B) son aqueles que, sen alcanzar os niveis de desenvolvemento dos anteriores, teñen calidade investigadora, constatable con criterios estritos, e que están na senda que os leve a ser grupos de referencia.

Neste caso hai 40 beneficiados (29 grupos nas universidades e 11 noutras entidades investigadoras), que disporán de axudas ao longo de tres anos cunha contía máxima de 30.000€ na primeira e de 45.000€ na segunda e terceira. A contía total que se mobiliza nesta modalidade ascende a preto de 4M€.

DE EXCELENCIA

A Modalidade C, destinada ao financiamento de proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente, benefícianse un total de 31 proxectos (20 deles nas universidades e 11 noutras entidades investigadoras). Cunha dotación orzamentaria de preto de 3,4M€ refórzase o labor dos científicos máis activos do sistema que obtiveron unha axuda do Programa Ramón y Cajal, do Miguel Servert ou do Juan Rodés, os máis prestixiosos de Europa.

CONCEPTOS

A través destas axudas, os beneficiarios das tres modalidades poden financiar o custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar de investigación, ferramentas de xestión do coñecemento e a información (aplicacións informáticas, bases de datos, etc), pequeno equipamento inventariable e material funxible, material bibliográfico, cotas de coloquios e congresos e adhesión a sociedades científicas; e formación do persoal do grupo relacionada coa actividade obxecto da axuda mediante estadías curtas, así como a viaxes e axudas de custo de membros do grupo para a actividade obxecto da axuda.

Tamén son conceptos subvencionables a contratación de investigadores visitantes, a organización de actividades de difusión, a publicación dos resultados da investigación en aberto (sempre e cando sexan como consecuencia da actividade do grupo), a consultaría e asesoramento externo, os gastos derivados da elaboración dun informe de auditoría e os custos indirectos.

Esta acción enmárcase dentro do conxunto de iniciativas de apoio económico por parte do Goberno galego para a consolidación dun sistema galego de I+D+I que camiñe cara á excelencia e cara ao recoñecemento internacional, a través de convocatorias como esta ou as dirixidas ás estruturas supragrupais, como son os oito centros de investigación acreditados das tres universidades galegas agrupados baixo o selo identificativo CIGUS.

117 grupos e proxectos de investigación
Comentarios