jueves. 18.04.2024

Ponteareas prepárase para unhas festas con moito lecer, espectáculo e, por suposto, deporte. Este domingo 11 de setembro as rúas do centro urbano da vila acollerán a segunda edición do Trofeo Festas de Setembro – Gran Premio Borja Gómez Méndez, que este ano chega con novidades baixo o brazo: a celebración dunha carreira inclusiva. Será esta proba, na que participará o propio Borja Gómez Méndez, a que dará o pistoletazo de saída á xornada deportiva.

“Para nós é un orgullo acoller unha proba deste calado, que nos permite transmitir unha mensaxe clara ás e aos deportistas: se traballamos xuntos e xuntas pódese eliminar calquera tipo de barreira e facer que realmente o deporte sexa para todos e todas”, explica o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.

O trofeo encherá as rúas do centro da vila dende as 10.00 horas. Tras a carreira inclusiva disputarase a competición junior xunto coas das categorías promesas, principiantes, alevíns, infantís e cadetes, tanto femininas como masculinas.

O edil convida a toda a veciñanza a gozar dunha xornada de ciclismo, unha disciplina tan importante para a vila ponteareá, e agradece ao Club Ciclista Ponteareas a súa implicación e traballo para levar a cabo este Gran Premio e para impulsar o deporte no concello, “inculcando a nenas e nenos valores de esforzo, paixón e superación dende hai tanto anos”.

Trofeo Festas de Setembro–Gran Premio Borja Gómez Méndez
Comentarios