miércoles. 01.05.2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo no serán de hoxe unha reunión co presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas, os seleccionadores do combinado nacional xuvenil de remo, Arturo Abruñedo e Luciano Moldovan (que tamén é adestrador de remo no CGTD), así como os representantes dalgúns dos clubs galegos de remo máis senlleiros como o Club de Remo Tui, Club de Remo Ría de Marín, Club de Remo Vigo, Club Mar de Noia, Club de Remo do Miño, Club de Remo Ribadeo, Club de Remo Olímpico do Mandeo ou a Sociedade Deportiva Samertolameu. Os participantes na reunión acordaron poñer en marcha neste mesmo ano 2022 a primeira Liga Galega de Banco Móbil con catro regatas que serán, de xeito provisional, o 6 de marzo, o 3 de abril, o 1 de maio e o 12 de xullo.

A Liga Galega de Banco Móbil fomentará as modalidades de remo olímpico e estará aberta a todas as categorías, desde a alevín ata a absoluta. Non obstante, o obxectivo principal da Liga Galega é a captación de novos talentos e o deporte base polo que as categorías inferiores serán a prioridade. Lete Lasa salientou a importancia de impulsar o remo galego “desde abaixo” nun momento no que semella estar en boga tras o diploma olímpico acadado por Caetano Horta en Toquío.

Para acadar unha maior participación, as modalidades que se disputarán serán as dos botes curtos. Cómpre lembrar que as modalidades de remo olímpico son os botes de couple -skiff (1x), dobre scull (2x) e catro scull (4x)- e os botes de punta -dous sen timonel (2-), dous con timonel (2+), catro sen timonel (4-), catro con timonel (4+) e oito con timonel (8+)-.

O escenario principal da nova Liga Galega de Banco Móbil será o parque náutico de Castrelo de Miño que, como parte do Cerlac (Centro de Adestramento de Remo de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño) acollerá a Coupe de la Jeunesse no mes de agosto coa participación de medio milleiro de rapaces de toda Europa.

Deste xeito, Galicia contará neste mesmo ano 2022 cunha liga de banco móbil e cunha liga de banco fixo como é a Liga Galega de Traíñas, que vén de incrementar o seu orzamento nun 5% ata os 115.000 euros. Segundo o secretario xeral, a Liga Galega de Banco Móbil reforzará a posición de Galicia como a comunidade con maior número de clubs (51) e a terceira con maior número de licenzas (2.500).

Primeira liga galega de remo de banco móbil