martes. 04.11.2025

O Concello do Porriño acolleu esta mañá a presentación oficial do 43º Trofeo Horacio Barros, un evento xa consolidado como unha das citas máis importantes do ciclismo de base en Galicia. O acto contou coa presenza do alcalde, Alejandro Lorenzo, do concelleiro de Deportes, Abel Estévez, e do propio Horacio Barros, unha figura senlleira na historia do ciclismo na comarca da Louriña. Tamén estiveron presentes Juan José Álvarez, presidente do club organizador Master da Louriña, Rafa Pérez, patrocinador do evento, e un grupo de novos ciclistas que participarán na competición.

O alcalde Alejandro Lorenzo destacou durante a presentación a relevancia deste evento deportivo para o municipio, afirmando que "O Trofeo Horacio Barros é un orgullo para O Porriño, non só pola súa longa traxectoria, senón tamén polos valores que representa: esforzo, superación e compañeirismo".

O Trofeo celebrarase o vindeiro 1 de maio no Parque de Torneiros, reunindo a ciclistas de diversas categorías: promesa, principiante, alevín, infantil, cadete e júnior feminina. A competición dará comezo ás 10:00 horas, con diferentes probas adaptadas a cada categoría, e a entrega de premios está prevista para as 13:15 horas.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, puxo en valor o gran esforzo organizativo e a importancia desta cita para o deporte local, subliñando que "non é só unha competición, é unha festa para as familias e un impulso ao deporte base, onde se sementan os soños dos futuros campións".

A presentación viviu un momento emotivo co recoñecemento á traxectoria de Horacio Barros, pioneiro e gran impulsor do ciclismo na comarca da Louriña, cuxo legado segue inspirando ás novas xeracións de ciclistas. A presenza dos novos deportistas no acto simbolizou a continuidade e a ilusión que caracterizan este trofeo.

Dende o Concello do Porriño invítase a toda a cidadanía a achegarse o vindeiro mércores, 1 de maio, ao Parque de Torneiros para apoiar ás futuras promesas do ciclismo galego e gozar dunha xornada de deporte, convivencia e entusiasmo.

O Porriño ultima os detalles para a celebración do 43º Trofeo Horacio Barros de...
Comentarios