O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiu hoxe no Concello a Tony Pérez Martínez, veciño de Pontellas, para felicitalo pola súa vitoria no Campionato Nacional de Flat Track 2025. O piloto, que competiu por primeira vez como federado, acadou o título despois de participar nun calendario de seis carreiras disputadas entre maio e xullo en Portugal.
Hai uns meses, o propio alcalde desexáralle moita sorte a Tony Pérez de cara a súa estrea oficial, e hoxe amosou o seu orgullo polo logro conseguido. "É unha honra para O Porriño que un deportista como Tony, con esforzo, constancia e talento, poña o nome do noso Concello no mapa do motociclismo", sinalou Lorenzo, quen tamén reafirmou o compromiso do Concello co apoio aos deportistas locais.
Pola súa banda, Tony Pérez, de 34 anos, expresou a súa satisfacción cos resultados, froito do seu traballo e dedicación. O piloto leva catro anos competindo na modalidade de flat track, tamén coñecida como dirt track en España, e xa conta cun bronce e unha prata en campionatos galegos.
Pérez tamén quixo destacar o apoio do Clube Motard de Chaves, grazas ao cal puido participar neste campionato que rematará este domingo 31 de agosto coa entrega do trofeo de campión absoluto da categoría promo bike nunha cerimonia en Lisboa.
            
            
              