domingo. 08.12.2024

Un total de 372 ciclistas tomarán mañá sábado as rúas do casco urbano de Porriño na tradicional Nocturna que se celebra cada ano no mes de setembro. O Club Máster da Louriña organiza esta proba  na que teñen cabida tódalas categorías Elite Sub-23 masculino e feminino e que neste 2023 bate récord de participación.

“Celebramos un novo acontecemento deportivo na vila, un clásico que reúne a centos de persoas amantes e afeccionados do ciclismo. Dende o Concello do Porrriño, como entidade colaboradora, agradecemos o labor do Club Máster da Louriña na organización desta proba coa que se podería dicir que damos o pistoletazo de saída ao mes máis festivo do municipio”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo.

RESTRICIÓNS AO TRÁFICO

A hora establecida para a saída dos primeiros participantes é ás 17.00 horas, prolongándose ata preto da medianoite.

Con tal motivo, dende a Policía Local informan dunha serie de restricións ao tráfico rodado. Concretamente, queda prohibido estacionar e aparcar a partir das 14.30 horas e non estará permitido o tráfico rodado dende as 16.45 ata ás 23.30 horas polas rúas Pío XII, Ramón González, Manuel Rodríguez (dende o número 1 ata rúa Xogo da Ola), Xogo da Ola, Leandro Diz (dende intersección rúa Xogo da Ola ata rúa Cando), Cando, Peña e nos estacionamentos da praza de abastos.

Preto de 400 ciclistas inscritos na nocturna do Porriño
Comentarios