martes. 04.11.2025

A Coruña volveu encherse de ciclistas este domingo, 22 de xuño, co exitoso regreso do Día da Bicicleta, un evento que congregou a máis de dúas mil persoas chegadas de toda Galicia, diferentes puntos de España e ata dez países. Organizado pola Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (Agaxorde) coa colaboración do Concello da Coruña, a xornada transcorreu nun ambiente festivo e familiar, consolidando a imaxe da cidade como referente da mobilidade sostible.

A marcha, de carácter non competitivo, tivo como punto de partida e chegada O Parrote, percorrendo os 12 quilómetros do Paseo Marítimo e ofrecendo aos participantes vistas icónicas da cidade, como o Castelo de San Antón, a Torre de Hércules, as praias e o estadio de Riazor. Desde nenos ata octoxenarios, todas as idades estiveron representadas, nunha clara demostración do potencial da bicicleta como medio de transporte accesible e saudable.

Un evento con proxección internacional

Ademais de promover o uso da bicicleta e inculcar nocións de seguridade viaria, o Día da Bicicleta serviu para reforzar a imaxe da Coruña como destino turístico sostible. A participación transcendeu as fronteiras galegas, con ciclistas chegados de Asturias, León e Andalucía, así como turistas de Portugal, Reino Unido, Noruega, Suíza, Venezuela, Italia, Romanía, Ucraína e México, que gozaron do idílico litoral herculino.

Entre os participantes destacaron figuras como os exciclistas profesionais Gonzalo Rabuñal e Eva Castro, o concelleiro de Deportes do Concello da Coruña, Manuel Vázquez, e o conselleiro de Facenda da Xunta de Galicia, Miguel Corgos, quen completaron o percorrido evidenciando o seu compromiso coa iniciativa.

Homenaxe e actividades complementarias

Antes de dar o pistoletazo de saída, a Asociación Galega de Xornalistas do Deporte quixo render unha emotiva homenaxe a Raúl Rey, expresidente do Club Ciclista Coruñés e pioneiro na organización do Día da Bicicleta no ano 1985. Alexandre Centeno, presidente de Agaxorde, fixo entrega dun agasallo conmemorativo a Rey.

Tras a finalización do percorrido, os participantes puideron gozar dunha variedade de actividades, incluíndo unha gymkana, unha exhibición de trial e probas de esforzo. A xornada culminou cun sorteo de agasallos, entre os que se atopaban unha bicicleta e un xamón.

RaulRey
A Asociación Galega de Xornalistas do Deporte quixo render unha emotiva homenaxe a Raúl Rey, expresidente do Club Ciclista Coruñés e pioneiro na organización do Día da Bicicleta no ano 1985. 

Noemí Díaz, concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, foi a encargada de dar a saída á proba, subliñando a aposta do Goberno de Inés Rey pola bicicleta como medio de transporte sostible, reflectida nas melloras dos carrís bici e no servizo de BiciCoruña. Pola súa banda, Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes, incidiu na clausura do evento na necesidade de inculcar hábitos de vida saudables e fomentar o uso diario da bicicleta a través de iniciativas como esta.


Exposición "Historia do ciclismo na Coruña. 1889-2025"

Como parte dos actos deste Día da Bicicleta, e estendendo a celebración ata o vindeiro domingo 29 de xuño, continúa aberta ao público a exposición "Historia do ciclismo na Coruña. 1889-2025". Comisariada por Lois Novo, esta mostra documental ofrece un percorrido pola historia da bicicleta na cidade, con documentos históricos desde os seus inicios no século XIX, descubrindo personaxes e feitos inéditos ata o de agora.

O Día da Bicicleta da Coruña reune a máis de 2.000 persoas nunha festa do deporte e a...
Comentarios