A Deputación de Pontevedra acaba de dar un paso importante na promoción turística da provincia ao aprobar en Xunta de Goberno o patrocinio da etapa 16 de La Vuelta Ciclista a España 2024, cunha achega de 140.000 €. O presidente provincial, Luis López, destacou que "o deporte é unha ferramenta fundamental para a promoción da nosa provincia", engadindo que esta proba se converteu "nun dos mellores escaparates de promoción turística do mundo".
A etapa que contará co patrocinio da Deputación terá lugar o vindeiro 9 de setembro e transcorrerá entre Combarro (Poio) e o Castro de Herville (Mos). Este percorrido de 173 quilómetros, que inclúe o ascenso a catro portos de montaña, permitirá mostrar tanto os espazos costeiros como o interior da provincia, en sintonía coa campaña de promoción turística do organismo provincial deste ano, "Cando volves?".
La Vuelta a España é seguida anualmente por máis de 17 millóns de telespectadores e ten unha notable repercusión en 190 países. "Así que esta etapa, de seguro, será un gran revulsivo para captar a atención de turistas de todo o mundo porque as imaxes que capta o helicóptero de La Vuelta son, sen dúbida ningunha, a mellor campaña que un territorio pode facer", subliñou o presidente Luis López, confiado no impacto positivo desta iniciativa para o destino Rías Baixas.
            
            
              