sábado. 20.04.2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu ás deportistas lucenses Adiaratou Iglesias Forneiro e Catuxa Castro Sas que veñen de acadar grandes logros neste 2019 converténdose “en dúas mulleres galegas que son referentes para todo o mundo na súa especialidade deportiva”. Neste sentido, Lete Lasa destacou o “magnífico nivel do deporte feminino en Galicia” que demostran as dúas deportistas lucenses e, no caso de Adi Iglesias, “o excelente estado de saúde do deporte adaptado galego que cada día gaña máis presenza nos medios”. Na reunión, o responsable da carteira de Deportes falou coas dúas deportistas acerca dos seus plans para a vindeira tempada e das axudas e subvencións ás que poden optar para facilitar o seu camiño deportivo.

Por unha banda, Adi Iglesias vén de colleitar dous subcampionatos mundiais (100 e 200 metros lisos) no Campionato do Mundo de Paraatletismo celebrado en Dubai (Emiratos Árabes Unidos) acadando a terceira mellor marca do atletismo galego nos 100 metros e a mellor nos 200, ostentando o récord absoluto do noso atletismo nesta distancia, un fito, dixo o secretario xeral, “sen precedentes” xa que Adi conta cun 20% de visión e que pon en valor a súa capacidade de “superación, esforzo, sacrificio e traballo constante”.

Por outra banda, Catuxa Castro acadou en xullo a medalla de ouro no Campionato do Mundo Júnior de Hóckey Patíns en Liña coa Selección Española no marco dos World Roller Games de Barcelona nos que a delegación galega “colleitou grandes resultados con importantísimas vitorias e traendo para Galicia unha chea de medallas”. Esta competición, dixo o mandatario galego, “pon de manifesto o bo nivel do patinaxe galego que ademais conta cun futuro alentador grazas ao talento de grandes deportistas como Catuxa”.

Adi Iglesias y Catuxa Castro, "referentes" na súa especialidade