viernes. 07.10.2022

‘6 horas Vila do Corpus’

A carreira aposta pola inclusión e tentará recadar o maior número de fondos posíbel para a Asociación Down-Vigo, á que se entregará o importe íntegro das inscricións, patrocinios e achegas das persoas. A entidade, dedicada á integración de persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual, contará ademais cun stand na carreira na que dará información sobre o labor que desempeñan e venderán camisetas, cuxos beneficios irán parar integramente tamén á asociación.
A ‘6 horas Vila do Corpus’ chega á súa cuarta edición batendo récord de participación.
A ‘6 horas Vila do Corpus’ chega á súa cuarta edición batendo récord de participación.

Ponteareas prepárase xa para acoller a carreira urbana nocturna ‘6h Vila do Corpus’, un dos encontros máis solidarios do ano que chega á súa cuarta edición batendo récord de participación. O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó; o presidente da asociación deportiva Corredores Festeiros, Fran Aparicio; e o director xerente da Asociación Down-Vigo, Roberto Campo,  presentaron este mércores no vestíbulo do auditorio municipal unha nova edición desta carreira polo centro urbano que terá lugar o vindeiro sábado 9 de xullo de 20.00 a 02.00 horas con un saída dende a Praza Maior e cun circuíto totalmente chan e accesíbel de 1 quilómetro.

“A vindeira semana non celebramos unha proba deportiva, senón unha gran festa pola inclusión. Van ser seis horas de deporte, cultura, música, actividades que farán que as rúas de Ponteareas teñan moitísima vida”, destacou Bouzó, que animou a toda a veciñanza a amosar o seu lado máis solidario e participar na proba, pero tamén “a visitar a nosa vila e vivir e gozar dese ambiente festivo e achegar o seu gran de solidariedade”. O concelleiro de Deportes quixo tamén recoñecer o impulso e esforzo de Corredores Festeiros “para que esta carreira solidaria salga adiante e agradecer o respaldo de todas as persoas e entidades que colaboraron nesta edición e nas anteriores e contribuíron a ir consolidando esta proba tan necesaria”.

Un ano máis, a carreira aposta pola inclusión e tentará recadar o maior número de fondos posíbel para a Asociación Down-Vigo, á que se entregará o importe íntegro das inscricións, patrocinios e achegas das persoas. A entidade, dedicada á integración de persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual, contará ademais cun stand na carreira na que dará información sobre o labor que desempeñan e venderán camisetas, cuxos beneficios irán parar integramente tamén á asociación.

Con cada camiseta entregaranse vales para tomar unha bebida e un pincho e, no caso de camisetas de nenos e nenas, vales para as actividades que haberá durante a carreira. “Con esta iniciativa queremos achegar o noso gran de area para que as persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual poidan mellorar o seu presente e o seu futuro, así como o das súas familias”, explicou Fran Aparicio, que quixo “agradecer a implicación do Concello de Ponteareas, que sempre nos brindou o seu apoio”.

Na primeira edición da carreira, en 2017, doáronse a Down-Vigo os 5.200 euros recadados na proba, en 2018 foron 9.000 euros e en 2019 ademais de apoiar á asociación con 8.000 euros colaborouse con tres organizacións máis: Anepa, da Cañiza, Discamino de Vigo e Passos e Trotadas pela Joaninha de Portugal, que estaban representadas por diferentes corredores e corredoras que participaron na proba. O director xerente de Down-Vigo quixo agradecer o esforzo da organización para celebrar unha proba que contribúe tamén a dar visibilidade a unha entidade que “leva máis de 30 anos acompañando aos usuarios e usuarias durante toda a súa vida, dende que nacen ata a súa vida adulta, para que teñan unha vida plena e chea de oportunidades”.

De xeito individual ou por equipos dende tres a seis membros e nas categorías masculina, feminina e mixta, as e os participantes estarán arroupados por varios grupos musicais de diferentes estilos que tocarán en diferentes puntos do percorrido para que os folgos solidarios non decaian. A entrega de dorsais, chip, porta chip e pulseiras identificativas farase o mesmo día da carreira de 11.00 a 18.30 horas na carpa situada no lugar da proba. A partir das 19.30 h darase unha charla técnica para lembrar as normas e o funcionamento da carreira e ás 20.00 h dará comezo a proba.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o a través da páxina web de Champio Chip Norte.

‘6 horas Vila do Corpus’
Comentarios