A Xunta reúne nunha única liña 350.000 euros para impulsar o libro galego
A Xunta de Galicia destinará 350.000 euros a apoiar as editoriais galegas na produción literaria mediante unha nova convocatoria que integra nunha única liña as axudas destinadas á edición, distribución e comercialización de libros, á creación de audiolibros e á publicación de obras de lectura fácil, tanto en formato físico como dixital.
A medida, recollida na convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia, responde ás demandas do sector editorial e busca mellorar a eficacia e a axilidade na tramitación, optimizar os recursos dispoñibles e reducir as cargas administrativas para as entidades solicitantes.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude introduce tamén como novidade o carácter bienal destas axudas. Deste xeito, o período subvencionable será máis amplo e abranguerá desde o 1 de xaneiro de 2026 ata o 30 de setembro de 2027.
A nova orde incrementa, ademais, o número de solicitudes que pode presentar cada editorial. O límite pasa de 15 a un máximo de 20 proxectos, ao tempo que se amplían os conceptos de gasto subvencionables para adaptalos á nova realidade tecnolóxica e dar cobertura económica a un maior número de formatos.
O obxectivo da iniciativa é contribuír aos custos derivados da produción, distribución e comercialización de publicacións en galego. A Xunta pretende tamén incentivar a edición de obras que favorezan a dixitalización e o acceso universal á cultura, especialmente a través dos audiolibros e dos libros de lectura fácil.
Estes dous formatos constitúen ámbitos prioritarios para o fomento da lectura e para avanzar cara a unha cultura máis inclusiva, ao facilitar o acceso aos contidos literarios a persoas con diferentes necesidades ou dificultades de comprensión.
A convocatoria está vinculada aos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, aprobada en 2025, que contempla medidas destinadas a eliminar barreiras físicas, cognitivas, sociais e territoriais no acceso á cultura. A norma situou Galicia como referente neste ámbito dentro da Unión Europea.