martes. 03.12.2024

Agora, un recoñecemento merecido no Deza, ata onde máis unha vez cheguei ao caer a tarde desde a vila que da de beber a quen pasa, en autobús. Un percorrido e a lembranza das veces que cruzamos a Serra do Candan para asistir a algún acontecemento en Piloño, Botos, Algarabía e mesmo no Bodegón Alfredo, ao carón do Cine, ou aquel outro día que descemos a pé ata a aldea perdida de Grobas.

Antes de entrar no Museo, tiven unha visita e un encontro a poucos metros, no templo artístico e cultural creado por Xosé Luis Abeledo Vázquez, Bibi, e a súa parella Emilia Failde, máis coñecida por Mili, a mesma que lle dá nome ao Café, un local que se presta para actos ou exposicións.

Foi alí onde ollei enmarcados baixo o slogan "Se queres ser universal, fala da túa aldea", os nomes de Laxeiro, Vidal Paio, Paco Lareo, Luis Areán, Meijomence, Antonio Taboada "Willy" e aqueles dous que, aínda que non nacéran en Lalín, Paco Pestana e Manuel Moldes. Uns e outros xa non están e, igualmente, pendurado o cartel deseñado por Damián Paio, onde aparece unha figura estirada e o lema "Wily sempre Wily", que é o título da mostra de pinturas e debuxos do inesquecible creador de Botos.

Antes de encamiñar os pasos cara ao Museo Ramón María Aller, o polifacético Bibi mostròume outra peza realizada este ano, representando a outro dos grandes valores nacidos en Lalín: Ramón María Aller, sacerdote, canónigo, catedrático, matemático e astrónomo.

Xa na sala, sentín unha complicidade coas sete esculturas de madeira traballadas coa motoserra e os vinte debuxos, nunca antes exhibidos. Un percorrido en solitario, pois non chegara ninguén daquela hora ata que apareceu Cecilia Doporto Regueira, encargada do Museo, que me mostrou o catálogo con 22 textos.

O cronista non arriscou á espera de camaradas que tiñan previsto viaxar desde Vigo, entre eles o pintor Xavier Magalhães, e dirixiu os pasos cara á estación e á rotonda de don Ramiro para abeirar outra obra de Wily, que fora inaugurada en 2007, cando o autor xa non estaba.

Noite escura, a rotonda iluminada e alí a decisión de voltar con saudade doutros días e moita creatividade no Deza.

Wily sempre Wily: Unha viaxe pola arte e a memoria do Deza
Comentarios