jueves. 18.04.2024

A Xunta de Galicia vai prorrogar a mostra Vestir épocas. 1860-1960. A colección González-Moro, que tiña previsto finalizar o 4 de abril, ata o 30 de maio no Museo de Belas Artes da Coruña. Trátase da segunda prórroga da exposición, que desde a súa inauguración, en outubro do ano pasado, recibiu preto de 7.500 visitas. Amplíase así a posibilidade de coñecer unha importante selección de máis de 300 pezas, entre obxectos e prendas de vestir, pertencentes á dama coruñesa Ana González-Moro, que mostran as formas e gusto de vestir en Galicia nas distintas épocas que abrangue o legado.

A mostra divídese en nove seccións que integran roupa interior, traxes de bautismo e comuñón, vestidos de noiva e traxes de etiqueta para cabaleiros, sombreiros e outros complementos, así como loito e uniformes. Tamén se poden contemplar traxes de paseo, roupa de día e de noite, e roupa de servizo, ademais de pedrería e complementos.

Comisariada polo arquitecto Fernando Agrasar Quiroga e o especialista en moda Román Padín Otero, a exposición pon de relevo o valor da costura dentro da arte a través de vestimentas de gran beleza, prodixio técnico, singularidade museográfica e relevancia histórica.

PERCORRIDO VIRTUAL

O Museo de Belas Artes ofrece tamén a posibilidade de percorrer a mostra de xeito virtual a través da web do centro. A visita permite achegarse a cada sección con vídeos explicativos e informacións sobre os usos e costumes da época canto á moda e ás vestimentas que compoñen a colección. Ademais, estanse a desenvolver diversas actividades no marco da exposición, tanto de xeito presencial como a través das redes sociais do museo. Nesta liña, no novo período de prórroga está previsto organizar xornadas relacionadas co mundo da moda da man dos comisarios da exposición.

O Museo de Belas Artes abre de martes a venres en horario continuado de 10,00 a 20,00 h, e os sábados, de 10,00 a 14,00 h. e de 16,30 a 20,00. Os domingos o horario é de mañá, de 10,00 a 14,00 h e os festivos permanece pechado.

'Vestir épocas'