sábado. 20.04.2024

O Premio MICE ao Mellor Filme Galego foi para Al otro lado del mar

Os premios MICE Mellor Filme Galego foi para Al otro lado del mar  unha longametraxe documental dirixida por Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez na que os dous cineastas e amigos comparten aspectos das súas vidas e traballos en Galicia e Colombia. E o Premio MICE ao Mellor Filme na sección Internacional, dotado con 1000 euros e trofeo, a Tolyatti Adrift, de Laura Sisteró. Producida por Boogaloo Films e distribuída por Begin Again Films, é unha película documental sobre o antigo símbolo do orgullo socialista, a cidade rusa de Tolyatti, convertida hoxe no Detroit ruso.

O Premio MICE ao Mellor Filme Galego foi para Al otro lado del mar, unha longametraxe documental dirixida por Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez na que os dous cineastas e amigos comparten aspectos das súas vidas e traballos en Galicia e Colombia. O xurado subliñou o feito de que “se adentre nun xénero tan pouco visitado como é a vídeo correspondencia”. Estas cartas filmadas “recollen historias persoais, memorias afectivas, unha viaxe por planos con diferentes épocas de rodaxe, diferentes culturas, contextos e épocas sociais, filmadas ademais nun momento histórico moi concreto”, que fan que sexa doado sentirse reflexado nas palabras, planos e sentimentos dos directores. 

Entregou o premio, dotado con 800 euros e trofeo, Xosé Penas Corral, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña. Os directores agradeceron o galardón e o agasallo que supuxo volver reencontrarse por segunda vez en tres anos, e facelo en Galicia grazas á MICE. 

O xurado da sección oficial da 18 MICE estivo formado pola cineasta e artista Tania Dinís; polo educador, director e guionista Xoan Escudero e pola politóloga, xestora cultural e técnica de igualdade especialista en políticas do coidado con enfoque de xénero Sabela Losada.  

O xurado da 18ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico promovida polo Museo do Pobo Galego concedeulle o Premio MICE ao Mellor Filme na sección Internacional, dotado con 1000 euros e trofeo, a Tolyatti Adrift, de Laura Sisteró. Producida por Boogaloo Films e distribuída por Begin Again Films, é unha película documental sobre o antigo símbolo do orgullo socialista, a cidade rusa de Tolyatti, convertida hoxe no Detroit ruso. O xurado valorou o seu tratamento “a través dunha mocidade sen perspectivas de futuro en constante confrontación coa vida dos e das súas maiores, unha situación extrapolable a case calquera lugar do mundo”. Tamén, o uso da cámara “cunha proximidade que se achega case de forma íntima á cotidianidade das e dos protagonistas”, e o equilibrio na montaxe mesturando imaxes de arquivo e actuais.

O Premio AGANTRO á Excelencia Antropolóxica, dotado con 500 euros e trofeo, entregado por Luzía Oca, presidenta da Asociación Galega de Antropoloxía, recaeu en Detached, un filme cun gran dinamismo no que se “dá conta da heteroxeneidade interna da comunidade chuckchi, desde a minuciosa narración de feitos cotiáns ata a elaboración de diagnoses e reflexións existenciais de alto calado para escoller as voces chukchi”. O xurado valorou ademais que a película abra unha serie de interrogantes de carácter global, como a posibilidade de imaxinar dinámicas modernizadoras alén do aniquilamento de formas de vida tradicionais, ou la oportunidade de abordar fenómenos como cambio climático desde a experiencia indíxena. 

O xurado AGANTRO estivo formado pola actriz, antropóloga e arqueóloga Paula Ballesteros; o antropólogo da universidade Austral de Chile Pablo Rojas-Bahamonde; e a xestora cultural e representante da Asociación Sabela Losada.

O Premio CREA, dotado con 200 euros e trofeo, que outorga a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización foi para o filme Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo. Unha curtametraxe sobre as mariscadoras dunha vila galega do sur de Galicia que cada día de marea se afanan por sementar, cavar e coidar o umbral entre a auga domar e a area. 

O Premio do Público, que entregou a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, foi para o filme galego Malgrat, de Santi Teijelo, quen agradeceu o galardón dun festival que “está sempre marcado no seu calendario”. 


O acto de entrega de premios celebrouse este mediodía no Auditorio do Museo do Pobo Galego, conducido polo actor, músico e dramaturgo Sergio Llauger. Contou coa asistencia do representante da Deputación da Coruña Xosé Penas Corral; a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; o director do Museo do Pobo Galego, Manuel Villar; e a directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira; ademais de representantes do mundo do cinema e a etnografía. 

Segue a programación na 18 MICE

As proxeccións da 18ª edición da MICE remataron este domingo, pero a programación continúa. Este luns 20 e o martes 21, co taller para público profesional De quen é a historia? Prácticas audiovisuais colaborativas e a antropología audiovisual, a cargo de  Belén Sola e Chus Domínguez, do Laboratorio de Antropología Audiovisual Experimental (LAAV), e coa presentación da Asociación Memoria e Cinema, o martes ás 19h30 no Museo. 

A 18 MICE conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, da área de Cultura da Deputación da Coruña, da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. 


 

O Premio MICE ao Mellor Filme Galego foi para Al otro lado del mar
Comentarios