sábado. 27.04.2024

A compañía viguesa Teatro Ensalle estrea este venres 24 ás 20,00 h. na súa sala homónima a peza Sin la soga al cuello, realizada en colaboración co creador escénico e actor Gonzalo Cunill a partir dunha serie de textos escritos por este durante os primeiros meses da pandemia. A proposta, que tamén poderá verse o sábado e o domingo á mesma hora, contou para a súa produción co apoio económico da Xunta de Galicia, que subvenciona así mesmo a programación do espazo vigués e o seu novo sistema de iluminación.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o equipo do espectáculo na súa presentación aos medios, na que explicou que esta contribución da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sumou en 2022 máis de 110.000 euros a través de tres das convocatorias de axudas dirixidas ao sector escénico galego para a creación de novas montaxes e para o funcionamento das salas privadas, así como para a modernización e xestión sostible das súas infraestruturas.

Sutil subliñou o traballo vangardista e innovador de Teatro Ensalle, tanto desde a súa faceta de produción como de espazo programador, grazas ao que se atopa regularmente entre as compañías e salas de artes escénicas adxudicatarias das devanditas subvencións.

PROXECCIÓN EXTERIOR

Engadiu tamén como “moi destacable” a actividade que leva a cabo desde Vigo para compañías e colectivo de toda Galicia como sede de residencias creativas de numerosas propostas de teatro e danza, así como a proxección de moitos dos seus espectáculos fóra de Galicia, especialmente en Latinoamérica e no resto de España.

Desta volta, a compañía viguesa únese a Gonzalo Cunill para levar a escena Sin la soga al cuello, unha peza que parte do libro do creador de orixe arxentina que foi publicado baixo o mesmo título pola editorial Aflera na súa colección Pliegos de teatro y danza. Trátase dun conxunto de textos escritos durante 2020 a modo de apuntamentos dun diario, sen pretensións dramáticas.

Sin la soga al cuello convértese agora en peza escénica, ofrecéndolle ao público un discurso a tres voces, interno e profundo mais non exento de humor, así como unha sucesión de accións próximas á performance. O propio Cunill dirixe a proposta con Pedro Fresneda, ademais de poñela en escena xunto a Raquel Hernánez e Artús Rei. 

Teatro Ensalle estrea na súa sala viguesa ‘Sin la soga al cuello’
Comentarios