A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda inaugura hoxe no Centro de visitantes da illa de Ons a exposición Ons Soa, unha mostra comisariada por Paula Ballesteros.
Esta exposición está formada por 18 fotografías, e outros documentos audiovisuais, coas que representar historias de vida, dunha comunidade que modelou a propia illa e conviviu con esas pedras desde o respecto, dotando dunha enorme simboloxía aos espazos, con numerosos mitos e lendas asociados a elas.
A mostra, que se poderá visitar ata o 15 de setembro, coincidindo co fin do transporte regular de pasaxeiros á illa, foi este ano unhas das actividades paralelas da 16ª Mostra internacional de cinema etnográfico Museo do Pobo Galego.
O arquipélago de Ons pertence ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia desde 2002 —xunto cos de Cíes, Sálvora e Cortegada— e é o único que aínda está habitado.