jueves. 25.04.2024

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, recibiu hoxe na Coruña ao gañador da segunda edición do programa de residencias literarias para traductores da Xunta. Trátase do poeta, editor e tradutor letón Arvis Viguls (Jēkabpils, 1987), gañador da II Bolsa en Residencia Xacobeo coa que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade impulsa o sector da tradución e “contribuímos á proxección exterior das nosas letras”, expresou Anxo M. Lorenzo. Así, tras promover a literatura no mercado americano o ano pasado, este ano suporá contar coa primeira tradución dunha obra dun poeta galego en letón.

Como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Arvis Viguls é un dos máis prometedores e aclamados poetas mozos de Europa e Premio Nacional ao mellor debut poético no seu país. Ademais de traducir do inglés, do ruso e de varias linguas eslavas do sur, o coñecemento do español e mais do portugués foi o punto de partida que fixo de Viguls un tradutor de galego.

Ao abeiro desta iniciativa da Xunta, desprazouse a Galicia para traducir o poemario A vida salvaxe de Gonzalo Hermo, que fora Premio Nacional de Poesía Nova no ano 2015. Facilítaselle a estadía en marzo na Residencia Literaria 1853, un apartamento do século XIX na Coruña desde onde desenvolverá as súas investigacións no mes de marzo.

PREMIO NACIONAL AO MELLOR DEBUT

Editor da revista literaria Strāva e tradutor para o xornal dixital de arte e cultura www.arterritory.com, Arvis Viguls ten publicados desde 2009 tres poemarios que lle valeron galardóns como o Premio Nacional ao mellor debut poético, o Premio Dzejas Dienas, en dúas ocasións, o Premio Anna Dagda e o Premio Ojārs Vācietis. Como tradutor, recibiu o Premio Dzintars Sodums e foi tadutor de nomes que van de Federico García Lorca a Nicanor Parra.

A tradución do poemario do galego Hermo, que xa recibiu o interese de varias casas editoriais letoas ante as complicidades do sector cara unha literatura coma a galega, suporá contar co primeiro volume individual dun poeta galego nesa lingua báltica.

“A bolsa da Xunta ten tamén como obxectivo achegarlle o proceso de creación ao público, con accións abertas, porque, se así o desexa, terá a oportunidade de ofrecer un encontro público de mostra do seu traballo durante o tempo de residência”, indicou Anxo M. Lorenzo. Ademais, na Coruña terá acceso prioritario a museos, galerías, bibliotecas, concertos, visitas guiadas, encontros literarios, obras de teatro e outros eventos.

INTERNACIONALIZACIÓN

Arvis Viguls colle o relevo da profesora estadounidense Kathleen March, unha das máis prestixiosas investigadoras e divulgadoras da literatura galega nos Estados Unidos e tamén experta nos estudos sobre Rosalía de Castro, que recibiu esta bolsa o ano pasado. Durante a súa estadía traduciu obras de Marica Campo e Enma Pedreira.

A Residencia Xacobeo enmárcase no traballo do Goberno autonómico por divulgar e difundir a literatura galega mais alá de Galicia, fomentando a súa proxección exterior e internacionalizándoa.

O poeta letón Arvis Viguls, gañador da segunda edición do Programa de residencias...