viernes. 29.03.2024

Celebrouse a presentación da nova saída e actividades relacionadas con “La Vuelta” ciclista, esta tarde no Pazo de Mos. Presentaron o acto Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Javier Guillén, Director de “La Vuelta”; Óscar Pereiro, Embaixador de 'La Vuelta-Mos' e Nava Castro, directora de Turismo de Galicia. Tamén asistiron como invitados membros do tecido asociativo, deportivo, cultural e empresarial da mesa 'Mos con La Vuelta' e concelleiros da corporación de Mos.

Na rolda de prensa, o Director de 'La Vuelta' Javier Guillén expuxo as novidades do cambio de data, os municipios participantes e deu a información sobre o percorrido da 15ª etapa. Nidia Arévalo pola súa parte, presentou as actividades previas á saída do 5 de novembro relacionadas co eido musical, artístico, educativo, cultural e deportivo do Concello de Mos.

Estas actividades están a ser organizadas desde a mesa sectorial 'Mos con La Vuelta', formada polo tecido cultural, económico e social do Concello, en colaboración coas concellerías de Deportes, Educación e Cultura e da man dos centros educativos e dos clubs de ciclismo.

Como gran apertura da programación terá lugar un gran concerto musical a cargo de 'Milladoiro' no pazo de Mos o sábado 24 de outubro, financiado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Dende o Concello tamén animan a todos os músicos a facer a súa propia versión musical da canción oficial de 'La Vuelta' que unha vez interpretadas polas bandas, grupos e solistas da localidade serán difundidas nas redes sociais.

Así mesmo, o Concello pon en marcha o concurso de debuxo “Dalle unha volta” dirixido aos ciclos de infantil, primaria e secundaria dos colexios do concello.

Os estudiantes de Artes do IES de Mos, serán os encargados do deseño da máscara oficial “La vuelta – Mos” que se poderá lucir o día da saída da etapa de Mos.

Tamén as mulleres palilleiras teñen protagonismo nesta programación previa á saída da volta ciclista; xa que a Asociación de Palilleiras de Mos, unha das asociacións culturais referente do municipio traballa activamente nun proxecto que formará parte do atrezo da saida nos exteriores do Pazo;  trátase dun deseño artesanal de encaixe de gran formato elaborado coa técnica de bolillos.

Desde a Concellería de Deportes traballan a súa vez activamente na organización dunha charla que será ofrecida por un ciclista de reconocido prestixio internacional e da que nuns días se anunciará nome e data.

Pola sua parte a Directora de Turismo, Nava Castro; pechou o acto destacando o municipio mosense como localidade de paso do Camiño de Santiago, entorno que acollerá esta saída.

Mos será a única localidade da provincia de Pontevedra na que haberá unha etapa de saída este ano 2020. "Nestes momentos, máis que nunca é preciso ilusionar a poboación e seguindo rigorosamento os protocolos anti covid19, celebrar actividades adaptadas á situación actual coa colaboración das institucións e de toda a veciñanza nesta exclusiva que pasará por Mos", señalan desde o Concello.

5 DE NOVEMBRO

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación da 15ª etapa da Volta Ciclista a España 2020, que sairá do concello de Mos o vindeiro 5 de novembro. Trátase da terceira e derradeira das etapas que descorrerán por terras galegas na presente edición da proba raíña do ciclismo en España e unha das tres grandes do mundo, xunto co Giro e o Tour de Francia.

Durante a presentación do programa de actividades que o Concello de Mos ten previsto desenvolver co gallo da celebración desta etapa en terras mosenses, a directora de TurIsmo de Galicia lembrou os fondos vencellos que unen Mos co Camiño de Santiago e destacou que a celebración desta importante proba deportiva é tamén unha oportunidade para visibilizar o Camiño Portugués fronte as multitudinarias audiencias que reúne a retransmisión desta proba deportiva.

A Volta Ciclista a España, que se disputará entre o 20 de outubro e o 5 de novembro, pasará polas catro provincias galegas ao longo de tres etapas: a 13ª entre Muros e o Mirador do Ézaro, a 14ª na que rodarán na Ribeira Sacra, entre Lugo e Ourense, e a 15ª que sairá de Mos en dirección a Puebla de Sanabria.

A directora de Turismo de Galicia subliñou durante a súa intervención que esta última etapa, que sae por vez primeira de Mos, é especialmente importante para un concello moi vencellado co Camiño de Santiago, tal e como o reflicte o seu lema turístico: “a Rosa do Camiño”.

Milladoiro actúa no pazo de Mos como preludio de 'La Vuelta'