Mercedes Vázquez Saavedra leva a Sanxenxo a forza silenciosa das mulleres de negro
O Salón Social do Círculo Cultural e Deportivo de Sanxenxo converteuse na tarde do venres nun espazo de encontro arredor da fotografía, da arte e da memoria visual coa inauguración dunha exposición da polifacética artista de Sarria Mercedes Vázquez Saavedra.
A mostra reúne máis de medio cento de imaxes de mulleres arroupadas de negro, captadas polo obxectivo da autora no norte de Portugal. As fotografías conforman un percorrido cheo de forza, simbolismo e identidade, que foi eloxiado polos asistentes á apertura.
O acto inaugural, celebrado nas instalacións deportivas, contou cunha notable presenza de público e coa intervención do presidente do Círculo Cultural e Deportivo, Paco Fernández; do concelleiro de Cultura de Sanxenxo, Xoán Pérez; e da concelleira de Educación, Natividad Parada.
Mercedes Vázquez Saavedra estivo acompañada por diversas persoas vinculadas ao ámbito cultural e artístico. Entre elas, a artista Ana Cancela, que a agasallou cun libro da súa autoría recentemente saído do prelo; Lois Anxel González, chegado de Marín; e o artista plástico Xulio Fontes, de Vigo. Xunto a eles tamén estivo o inseparable Moncho.
A exposición quedou aberta ao público como unha proposta visual que convida a deterse na expresión, na presenza e na dignidade destas mulleres retratadas, convertendo o negro nunha linguaxe de memoria, beleza e emoción.