Máis de 500 novos músicos fan soar o Gaiás no Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia

Participantes no Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, celebrado na Cidade da Cultura, no Gaiás. ROCÍO CIBES.
A Cidade da Cultura acolle este sábado a novena edición dun encontro que reúne no Gaiás unha ducia de bandas populares das catro provincias galegas, con entrada libre e de balde durante toda a xornada.

A directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, asistiu hoxe no Gaiás ao arranque do Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, un certame organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares co apoio da Xunta, no que participan máis de 500 intérpretes das seccións máis novas dunha ducia de bandas populares das catro provincias galegas.

O encontro chega este ano á súa novena edición co obxectivo de ofrecer ás novas xeracións de intérpretes musicais unha xornada de convivencia, aprendizaxe e intercambio, favorecendo a creación de vencellos dos que poidan nacer futuras sinerxías entre as agrupacións participantes.

Na apertura da cita, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude animou a rapazada a “aproveitar ao máximo” a súa participación nun certame que non só permite dar visibilidade ao traballo das bandas de música populares, senón que tamén “promove a educación na diversidade a través da música, unha linguaxe universal que nos une, nos enriquece e nos apaixoa”, destacou.

Ana Isabel Vázquez puxo tamén en valor o labor das bandas de música populares, que cualificou de “indispensable” na formación de novos músicos por toda a xeografía galega, tanto nos contornos urbanos como nos rurais. No acto participou ademais o directivo da Federación Galega de Bandas de Música Populares Jorge González Rodríguez.

Unha ducia de bandas de toda Galicia

O Festival de Bandas Infantís e Xuvenís desenvólvese ao longo de toda a xornada deste sábado 4 de xullo no Gaiás, con entrada libre e gratuíta, e coa participación de 12 formacións de toda a comunidade, que interpretarán repertorios escollidos especialmente para esta ocasión.

Pola provincia da Coruña actuará a Banda Infantil de Arzúa, mentres que desde Lugo estará presente a Minibanda de Vilalba. En representación da provincia de Ourense participarán a Banda Xuvenil da Agrupación Musical da Limia e a Banda de Xinzo.

A provincia de Pontevedra contará con sete formacións: a Pequebanda da Escola de Música de Agolada, a Banda Escola de Música de Portas, a Banda Xuvenil da Escola de Música Unión de Guláns, a Banda Infantil da Unión Musical de Meaño, a Banda Xuvenil de Tui, a Banda Xuvenil de Música de Silleda e a Banda Escola Unión Musical de Tenorio.

O encontro pecharase coa actuación da Banda Sinfónica Galega, formada por integrantes de diferentes agrupacións da comunidade, todos eles menores de 20 anos.