sábado. 20.04.2024

No acto de entrega, o Secretario

Xeral do Padroado, Carlos García Suárez Otero, leu a acta na que se recolle o

acordo de outorgar o Premio Laxeiro deste ano á escritora, como recoñecemento á súa inestimable

achega á renovación xeracional das letras, así como á difusión e

internacionalización da cultura galega entre as novas xeracións, e fixo logo un percorrido pola

brillante carreira de Ledicia Costas, salientando a difusión da súa literatura

noutras linguas.

Seguidamente, Abel Caballero fixo

entrega do galardón que Ledicia Costas agradeceu, polo que ten de recoñecemento

a un traballo en soidade, como é o da escrita, e sinalou que para ela é unha

honra que unha institución tan prestixiosa coma a Fundación Laxeiro, valore a súa

contribución ás letras galegas.

Pechou o acto Abel Caballero, Presidente da Fundación Laxeiro e alcalde

de Vigo,    quen quixo destacar a boa saúde

da cultura e a creación na cidade olívica, da que Ledicia Costas é un bo

exemplo. Tivo palabras tamén para a Fundación Laxeiro, felicitándoa polo labor

que desenvolve dende hai xa vinte anos, no eido cultural e artístico, mantendo

viva a figura e a obra de Laxeiro e mesmo, descubrindo constantemente novas

facetas do artista.

Á Comida, celebrada no Hotel NH de Vigo, asistiron, como é habitual, outros

membros da Fundación Laxeiro, como Mari Cruz Otero, vicepresidenta e filla o

pintor, Abel Losada, concelleiro de cultura, Anxo Lorenzo, Director Xeral de

Políticas Culturais, Javier Pérez Buján, director artístico da Fundación

Laxeiro, os  pintores Antón Pulido e José

María Barreiro, Ana Laura Iglesias, deputada provincial e Cayetano Rodríguez

Escudero.

Ledicia Costas, a "renovación xeracional das letras"