domingo. 16.03.2025

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) organiza a exposición “Domingo de Andrade: Xenio e oficio”, co financiamento da Xunta de Galicia e a colaboración na xestión de contidos da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA). A mostra, de carácter itinerante, inaugurarase o vindeiro luns, 27 de xullo, na Alameda de Santiago de Compostela ás 13:00 horas. Asistirán ao acto inaugural a decana do COAG, Elena Ampudia, e os membros da Xunta Directiva da delegación de Santiago do COAG; o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo; o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Urbanismo de Santiago, Mercedes Rosón.

Os autores da exposición son os arquitectos e académicos numerarios da sección de Arquitectura da RAGBA, José Ramón Soraluce Blond e Ramón Yzquierdo Perrín, Ana Goy  Perrín e Estefanía López Salas, que asistirán ao evento.

Andrade é o mestre galego ao que a Real Academia Galega de Bellas Artes dedica estes anos 2020 e 2021 o Día das Artes Galegas, para a difusión da súa figura e traxectoria artística. Andrade é un dos primeiros grandes arquitectos naturais de Galicia en pleno Barroco, mestre dos máis importantes artistas do século XVIII e figura destacada da arquitectura española nos dous campos onde exerceu o seu oficio, a retablística e a construción. A exposición consta de 24 paneis onde se mostra, con imaxes fotográficas, planos e textos, a súa longa traxectoria de obras e proxectos por distintas localidades galegas como Santiago, Lugo, Ourense, A Coruña, Oseira, Sobrado, Tui…

Retablo de la Virgen del Rosario SANTO DOMINGO DE A Coruña. JRS.

Construcións relixiosas e civís, templos e vivendas, claustros e sacristías, retablos e tabernáculos, mesmo escribiu un tratado de arquitectura. Os historiadores da arte seguen aportando constantemente novos datos e novas sobre a súa vida e produción, actualizando a visión que se ten da mesma.

Destacan, entre as súas numerosas obras, na catedral de Santiago a Torre do Reloxo, o tabernáculo, a porta Real e a capela do Pilar. Reconstruíu tamén en Compostela as dependencias dos conventos e mosteiros de Santa Clara e Bonaval, e tamén en Sobrado dos Monxes. O seus retablos son numerosos, algúns xa desmontados e outros trasladados de templos. Modernizou a arquitectura civil de Santiago no século XVII, con edificios de vivendas de clara planificación urbana, como a ordenación da Quintana. “Andrade deseñaba e elaboraba cunha mestría e oficio dignos dun xenio” –sinalan os comisarios da mostra, Soraluce e Yzquierdo–.

Domingo de Andrade, Xenio e oficio