viernes. 19.04.2024

A Xunta resolveu a convocatoria do concurso de deseño do cartel do día 8 de marzo co gallo da celebración do Día Internacional da Muller e no que participou alumnado de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e de Bacharelato e Formación Profesional cun total de 139 propostas de centros educativos de Galicia.

O obxecto do concurso promovido pola Secretaría Xeral da Igualdade foi fomentar a promoción da igualdade dentro dos centros educativos galegos, a través dunha acción que permita visibilizar a contribución das mulleres nos distintos ámbitos e promova a reflexión sobre os estereotipos de xénero que aínda existen na sociedade, as causas e a orixe da discriminación de xénero, así como o camiño que as mulleres tiveron que percorrer para ver recoñecidos os seus dereitos.

Na categoría do alumnado de 1º a 4º de Educación Primaria o CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro de Vigo recibiu o primeiro premio co cartel que leva por lema Mulleres do mundo. Baixo a mesma Bandeira, e o CEIP A Paz-Tintureira, tamén de Vigo, o 2º premio polo cartel Xuntas enseñamos igualdade. Entre os traballos presentados polo alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO o primeiro premio recaeu no CEE Manuel López Navalón de Santiago, co cartel titulado O camiño comeza por nós, e o segundo posto no Colexio Plurilingüe San José-Josefinas de Ourense, cuxa proposta leva por lema Todas facemos camiño.

Por outra parte, o IES Agra de Raíces do concello coruñés de Cee con Rompe as cadeas dos estereotipos de xénero obtivo o primeiro premio e o IES Saturnino Montojo de Ferrol, o segundo premio con Cánsaste de lelo? Nós de vivilo!. Ambos participaron na categoría na que participaron alumnos de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato, FP Básica, así como de ciclos de grao medio e superior.

Os carteis gañadores serán utilizados pola Xunta de Galicia na conmemoración do Día Internacional da Muller, así como para outras accións de sensibilización e promoción da Igualdade. O concurso está financiado grazas ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Un colexio de Vigo e dous institutos de Santiago e Cee resultan gañadores do Concurso...