Tui recibe a visita do novo director xerente da Red de Juderías de España para impulsar o seu legado sefardí

Tui.
Iñaki Echeveste, novo director da Red de Juderías de España, visita Tui para coñecer o seu patrimonio xudeu e impulsar a colaboración na preservación e promoción da historia sefardí local.

O municipio de Tui acolle hoxe xoves e mañá venres a visita de Iñaki Echeveste, o novo director xerente da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad. A súa estadía en Tui, membro da rede dende 2019, ten como obxectivo principal coñecer de primeira man o patrimonio xudeu e criptoxudeu que atesoura a cidade.

Iñaki Echeveste, nomeado para o cargo na asemblea xeral do pasado mes de xaneiro, será recibido polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez. Durante o encontro, analizarán o traballo conxunto que se vén realizando entre a Red de Juderías e o Concello de Tui para coñecer, preservar e promocionar a rica herdanza xudía tudense. Este esforzo conxunto está a consolidar Tui como un destino clave para comprender a historia dos xudeus sefardís en Galicia e en España.


 

Encontros co sector e a corporación municipal

 

Durante a súa visita, o xerente da Red de Juderías manterá un encontro con representantes do sector turístico da cidade, así como con persoas e institucións implicadas no coñecemento e promoción do importante legado das comunidades xudías e de cristiáns novos na cidade. Nesta xuntanza, Iñaki Echeveste presentará o traballo que está a desenvolver a Red de Juderías e os seus obxectivos, buscando a implicación dos diversos sectores interesados.

Así mesmo, está previsto un encontro cos membros da Corporación Municipal tudense para compartir impresións sobre este proxecto de promoción patrimonial e turística que representa a Red de Juderías, que actualmente integra a 21 municipios de España.


 

Unha colaboración fundamental para a difusión do legado xudeu

 

A concelleira de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui, Ana Núñez, subliñou que esta visita "pon de relevancia a colaboración estreita que se mantén coa Red de Juderías para impulsar iniciativas que contribúan á preservación e difusión do legado xudeu da nosa cidade".

Núñez agradeceu a visita do novo director xerente, que lle permite coñecer directamente o acervo patrimonial tudense, as pegadas das comunidades xudías na historia da cidade e a implicación da sociedade tudense neste labor de valorización.