Unha demanda histórica dos alfombristas galegos vén de ser atendida pola Real Academia Galega (RAG). A institución acordou incorporar ao seu dicionario os termos "alfombreiro" e "alfombreira" para designar ás persoas que confeccionan alfombras de flores, unha práctica arraigada en toda Galicia e da que as creacións de Ponteareas son un referente a nivel internacional.
A decisión foi tomada o pasado 19 de febreiro no seminario de lexicografía da RAG, e a comunicación oficial chegou hoxe a través dunha carta asinada por Manuel González González, catedrático emérito de filoloxía románica da Facultade de Filoloxía de Santiago.
Segundo a misiva, a inclusión deste termo vén a cubrir unha "carecia na lingua galega". A iniciativa partiu da Asociación de Alfombristas Corpus Christi de Ponteareas, cuxa petición foi finalmente atendida pola Academia.
Para os alfombristas, esta incorporación supón a culminación dunha longa loita polo recoñecemento da súa tradición non só como unha manifestación cultural, senón tamén como unha forma de arte efémera, e das persoas que as realizan como verdadeiros artistas.
A tradición de confeccionar alfombras florais para as procesións do Corpus Christi está profundamente enraizada en Galicia, e as de Ponteareas gozan dunha gran prestixio, sendo recoñecidas a nivel internacional pola súa beleza e complexidade. Agora, a lingua galega tamén recoñece especificamente a aqueles que dan vida a estas efímeras obras de arte.
            
              