O Concello do Porriño reforza os seus servizos municipais de orientación e inserción laboral coa incorporación de tres novas técnicas no marco dun programa de formación e emprego dirixido a persoas recentemente tituladas.
Desde este mes de xaneiro, Lucía Novoa, Iria González e Ximena Correa xa están a desenvolver o seu labor como técnicas de orientación profesional mediante un contrato de formación. Dúas delas son graduadas en Traballo Social e unha en Educación Social, e participan no proxecto co obxectivo de adquirir experiencia práctica e competencias profesionais que faciliten a súa incorporación ao mercado laboral.
A iniciativa enmárcase no programa Máis Emprega e ten como finalidade principal ofrecer unha primeira oportunidade laboral a mozas e mozos recentemente graduados, axudándoos a superar a falta de experiencia profesional, un dos principais atrancos no acceso ao emprego.
Durante un ano, as tres técnicas realizarán tarefas de acompañamento, asesoramento e orientación ás persoas usuarias dos servizos municipais de emprego, combinando formación teórica e práctica. O programa permitirá tamén reforzar habilidades sociais, comunicativas e profesionais consideradas clave para o seu futuro laboral.
O proxecto conta cun cofinanciamento de 67.657,32 euros por parte da Deputación de Pontevedra e do Concello do Porriño, o que posibilita impulsar unha actuación que aposta polo talento novo e polo fortalecemento dos servizos públicos locais en materia de emprego.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia deste tipo de iniciativas para favorecer a inserción laboral da mocidade e reforzar áreas estratéxicas do goberno municipal. “Estamos a traballar para potenciar dúas áreas fundamentais: Emprego e Formación e Servizos Sociais”, sinalou, indicando que programas coma este permiten, ademais, avanzar en plans específicos para mellorar os servizos, como a ampliación de aulas de formación con fondos europeos e novos locais e recursos para Servizos Sociais.
Lorenzo subliñou tamén que “detrás de cada contrato hai un proxecto persoal e profesional, e desde o Concello traballamos para acompañar ese camiño con recursos, apoio e confianza”.
Desde o Concello do Porriño reafírmase o compromiso de seguir impulsando políticas activas de emprego que favorezan a formación, a inserción laboral e a creación de oportunidades reais, especialmente entre a mocidade recentemente titulada, ao tempo que se melloran e amplían os servizos sociais para toda a veciñanza.
