O Porriño celebra o Día de Europa con exposición itinerante e actividades para todos os públicos

A Xunta convida a participar nos actos que terán lugar mañá, 9 de maio, na vila pontevedresa, onde se inaugurará unha mostra sobre os Fondos Europeos.

A Xunta de Galicia convida a todos os galegos e galegas a participar nos actos de celebración do Día de Europa, que terán lugar mañá, venres 9 de maio, no Porriño. A vila pontevedresa será o epicentro da conmemoración, acollendo unha exposición itinerante sobre os Fondos Europeos co obxectivo de dar a coñecer os diferentes programas europeos en marcha e as oportunidades de financiamento que ofrecen.

A mostra, que xa pasou este ano por Ribadeo, Viveiro e Verín, permanecerá no Porriño durante dúas semanas antes de continuar o seu percorrido por Galicia, visitando O Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia, Pontevedra, Sanxenxo, Noia e Santiago, onde finalizará a súa itinerancia arredor do mes de setembro.

A través de 16 paneis informativos, a cidadanía poderá descubrir a historia dos fondos europeos, os seus diferentes tipos (FEDER, Fondo Social Europeo, Fondo de Transición Xusta, Plans Estratéxicos da PAC, Cooperación Territorial Europea e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura), e como contribúen ao desenvolvemento e mellora da capacidade de investigación, innovación e dixitalización, á protección e fomento do patrimonio cultural e natural, ao impulso da mobilidade sostible e á cooperación territorial, entre outros aspectos.

Ademais, durante todo o día haberá unha carpa na praza do concello onde se desenvolverán diversas actividades lúdicas para conmemorar esta xornada. Así, pola mañá, de 10:00 a 12:00 horas, os nenos e nenas de 6 a 12 anos do CEIP Plurilingüe Xosé Fernández López participarán en xogos e actividades relacionadas coa Unión Europea para demostrar o seu coñecemento sobre Europa. Ao mediodía terá lugar o acto institucional, co izado da bandeira de Europa e a inauguración da exposición.

Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, haberá xogos para os máis pequenos e, para o público en xeral, un espectáculo de maxia. Un concerto da cantante Helena Egea ás 18:00 horas porá o broche de ouro aos actos festivos.

Galicia e o Día de Europa:

O Día de Europa celébrase desde hai máis de dúas décadas para homenaxear a Jean Monnet e Robert Schuman, quen o 9 de maio de 1950 lanzaron a idea de integrar a todas as nacións europeas co fin de desterrar para sempre a guerra do continente. Este acto considérase a orixe e a semente da creación da actual Unión Europea.

Galicia converteuse nas últimas décadas nunha rexión plenamente identificada coa construción europea, cunha relación cada vez máis sólida con Bruxelas tanto desde o punto de vista político, como económico e social.

Neste sentido, a implicación da Comunidade galega con Europa é evidente día a día en ámbitos como a política pesqueira e agrícola, a cooperación transfronteiriza co norte de Portugal ou a xestión dos fondos estruturais. Ademais, a solidariedade comunitaria, como parte esencial da UE desde o seu inicio, contribuíu de maneira decisiva ao fortalecemento de Galicia desde a súa adhesión.