martes. 04.11.2025

A Concellería de Xuventude do Porriño, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), lanza unha importante iniciativa para impulsar a empregabilidade da mocidade do municipio. Para o ano 2025, ofrécense dous cursos oficiais de tempo libre, que se desenvolverán de forma intensiva e semipresencial no Centro Cultural Municipal.

Trátase dos cursos de Director/a de Actividades de Tempo Libre e Monitor/a de Actividades de Tempo Libre, ambos impartidos por Avada S. Coop. e a Escola de Tempo Libre Scolé, entidades con recoñecida experiencia no sector.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, co concelleiro de Xuventude, Antonio Barros.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, co concelleiro de Xuventude, Antonio Barros.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou a importancia desta aposta: “Queremos dotar á nosa mocidade das ferramentas necesarias para poder acceder ao mercado laboral no ámbito do lecer e o tempo libre, sectores en crecemento e cunha alta demanda de profesionais cualificados”. O rexedor destacou o compromiso do Concello coa formación de calidade como un motor clave para xerar oportunidades laborais.

Detalles dos cursos:

  • Curso de Director/a de Tempo Libre: Contará cunha fase teórica de 150 horas (80 presenciais e 70 en liña), que se desenvolverá entre o 12 de maio e o 1 de xuño de 2025. Posteriormente, os participantes realizarán 150 horas de prácticas. Esta formación, homologada pola Xunta de Galicia, capacita oficialmente para coordinar e dirixir actividades de tempo libre en todo o territorio nacional. O prazo de inscrición estará aberto ata o 8 de maio.

  • Curso de Monitor/a de Tempo Libre: Ofrecerá unha formación teórica de 200 horas (100 presenciais e 100 en liña), ademais de 150 horas de prácticas. As sesións presenciais terán lugar entre o 16 e o 27 de xuño de 2025, mentres que a parte telemática se estenderá do 28 de xuño ao 11 de xullo. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 9 de xuño.

O concelleiro de Xuventude, Antonio Barros, explicou que “o obxectivo é que os mozos e mozas do Porriño conten cunha formación certificada e profesional, que lles permita desenvolver tarefas educativas en campamentos, ludotecas, granxas escola ou centros socioculturais”. Barros animou á mocidade a participar activamente nestas iniciativas formativas.

As persoas interesadas en inscribirse deberán cubrir o formulario dispoñible na páxina web do Concello do Porriño e nas súas redes sociais. En ambas as accións formativas, darase prioridade ás persoas empadroadas no municipio.

O alcalde Alejandro Lorenzo engadiu que “formarse neste tipo de accións non só abre portas no ámbito laboral, senón que tamén contribúe a fomentar valores de convivencia, respecto e participación social”.

Con estas novas convocatorias, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa educación non formal e co impulso do talento xuvenil, ofrecendo ferramentas útiles para o acceso ao emprego e promovendo valores fundamentais para unha cidadanía activa e responsable.

O Porriño aposta pola formación no tempo libre para impulsar o emprego xuvenil
Comentarios