domingo. 28.04.2024

O Concello lembra aos veciños e as veciñas da primeira fase da Área de Rehabilitación Integral (ARI) do municipio que xa poden solicitar as axudas de ata 30.000 euros para levar a cabo as obras de mellora de eficiencia enerxética e de renovación de edificacións. O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar as bases reguladoras.

Deste xeito, os propietarios e as propietarias das rúas Real e dos Ferreiros así como da Baixada de San Gregorio teñen de prazo ata o mes de xuño para acollerse a estas axudas que ofrece a Xunta de Galicia a través dos fondos de recuperación da Unión Europea. As accións subvencionables están relacionadas coa mellora da eficiencia enerxética e coa renovación de edificios residenciais e vivendas unifamiliares. Contemplan tamén as destinadas á instalación de ascensores.

Para facilitar os trámites á veciñanza que desexe acollerse a estas axudas, o Concello puxo a súa disposición unha oficina permanente no segundo andar da casa consistorial cun traballador técnico especializado. Ademais, a alcaldesa, Nava Castro, e a concelleira da área, Silvia Fernández, resolveron as dúbidas sobre a Área de Rehabilitación Integral nunha xuntanza que congregou a un cento de propietarios e de propietarias.

Neste sentido, a edil Fernández indica que “a gran acollida que tivo a reunión informativa demostra que é necesaria esta ARI polo que animamos a veciñanza a que soliciten estas axudas. Con estas actuacións contribúese, por unha banda, á renovación da zona vella da nosa vila e, por outra, a reverter a situación de estado de deterioro que presentan certas edificacións”.

Tras finalizar co período de solicitudes desta primeira fase da  Área de Rehabilitación Integral, será a queda dos veciños e das veciñas da contorna da Praza Maior e das rúas Esperanza e Oriente. Continuarase, despois, coa avenida Constitución, a rúa Rogelio Groba e a Praza Bugallal.

Pontereáns residentes no ARI poden solicitar 30.000 euros para obras de mellora de...
Comentarios