sábado. 20.04.2024

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, informa que na vindeira semana está prevista a publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da convocatoria de axudas para obras nas traídas veciñais de augas por importe de 150.000 euros. Axudas que se financian con fondos propios do Concello e que se abrirán cun prazo de 20 días adiantando xa a información para que as traídas preparen a documentación.

Co obxectivo de apoiar o esforzo que realizan estes colectivos e contribuir na mellora dun servizo básico, a convocatoria deste ano 2020 beneficiará as traídas que non percibiron axudas nestes anos, priorizando nas bases as obras nestas comunidades de usuarios e usuarias.

Ademais, a concesión destas axudas supoñen unha inxección de fondos que promoven o emprego cercano porque permiten que as comunidades de augas contraten obras que, moitas veces, son realizadas por pequenas empresas locais.

No balance desta pioneira convocatoria de axudas, o nacionalista Xosé Represas destacou a excelente acollida que tivo esta iniciativa que permitíu realizar investimentos por importe superior a 400.000 euros en 28 traídas veciñais de 14 parroquias, sumando ata o día de hoxe as axudas do Concello 299.000 euros. Entre as obras realizadas figuran melloras nos sistemas de captación de auga, sistemas de almacenamento e potabilización(depósitos, filtración, decantación, etc.) e melloras nas redes de distribución de augas. Igual que nos últimos dous anos, o Concello subvencionará cun 80% o importe das obras. A convocatoria será de forma transparente e por concurrencia competitiva, “é un dereito para os veciños e nós como Concello temos a obriga de garantirllo ao tratarse dun servizo prioritario”.

Ponteareas realiza investimentos por 400.000 euros en 28 traídas veciñais de 14 parroquias