miércoles. 24.04.2024
O pregoeiro do Corpus Christi 2023, Jorge Sobral, foi tecendo a alfombra da súa vida e lembrando os seus días de infancia e mocidade nos portais, “auténticas caldeiras produtoras de coñecemento”

Leva dende os 17 anos vivindo fóra de Ponteareas, pero cada vez que cruza de norte a sur a ponte de Rande sinte que está preto da súa casa. Así o explicaba o catedrático Jorge Sobral, pregoeiro do Corpus Christi 2023, que ante o público que ateigou a sala multiúsos do auditorio municipal foi tecendo a alfombra da súa vida nunha vila na que “música, xogos, tempos lentos, amizades... todo iso é a Ponteareas do meu maxín”.

Ben sei que hoxe é moitas máis cousas, máis preto dunha pequena cidade que dunha vila somnolenta, con actividade comercial, industrial, hostaleira, de lecer... Dinámica e expansiva. Pero, ante todo, Ponteareas nunca deixará de ser a vila do Corpus”, seguiu contando Jorge Sobral, antes de afondar no significado que esta Festa de Interese Turístico Internacional ten para el. O Corpus ten sido argamasa do colectivo, sinal de pertenza e motor de afiliación, de xuntanza. As alfombras vehículan a planificación, o deseño de semanas do noso tempo, o reparto ordenado por tarefas, estimulan a colaboración, o traballo en equipo, e, en último termo, dotan dun significado especial á gramática da nosa convivencia, nutren a fenomenoloxía subxectiva da vida comunitaria”, recalcou no seu pregón. Para o catedrático, “os portais son verdadeiras caldeiras produtoras de coñecemento sen ter que soportar aos enfermizos haters das redes sociais de hoxe en día. Os nenos e nenas que por alí zascandileábamos entre mirtos, árnicas e fiúnchos, arrolados polo mellores perfumes, mergullabámonos nos nosos primeiros baños de socialidade. E non se trataba dunha socialidade neutra, funcional, dirixida ao obxectivo, senón que ese horizonte comunitario vén tinxido de orgullo”.

Lembro moi ben as sensacións de neno, e non tan neno, de vivir aquelas madrugadas cun toqueciño lixeiramente alucinatorio. Esas sinfonías de formas e cores, ese concerto de luces e aromas, esa imaxe surrealista que supón ver as túas rúas vestidas de flores, fixéronme pensar en Freud e no seu universo de fantasía que chamou “os soños dos espertos”. Nesa etiqueta empaqueto eu as miñas lembranzas, pensares e sentires do meu Corpus e da miña Ponteareas”, recordou Sobral. Durante o acto de lectura do pregón, a alcaldesa, Cristina Fernández, recalcou o agradecemento do Concello ao colectivo alfombrista “pola proximidade, apoio e asesoramento de todos esteas anos, nos que me levades da man para aprender e valorar a importancia desta manifestación artística que compartimos con milleiros de persoas”. “A nosa máxima é o apoio á festa e ás súas protagonistas, todas e todos os alfombristas. Debemos levar no pensamento de xeito constante a mellora e conservación desta tradición e ao contacto permanente de todas as persoas que traballades durante todo o ano para mostrar esta arte efémera, o que fai que poidamos superar ano tras ano todas as expectativas que provoca o espectáculo da vosa creación”, salientou. A rexedora destacou que a peculiaridade dos tapetes florais, a súa calidade, o seu deseño, a elaboración e os materiais naturais empregados foron fundamentais para acadar a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, elementos diferenciadores “que nos definen como un pobo colaborador e organizado” e que “dende o Concello e outras institucións debemos difundir dentro e fóra do país”. “Nesta liña traballamos todos estes anos para conseguir a declaración de Ben de Interese Cultural Inmaterial, un trámite administrativo que espero que despois de máis de 5 anos estea a punto de culminar por parte da Dirección Xeral de Patrimonio”. Neste tempo “dende o Concello impulsamos o Museo a Ceo Aberto do Corpus e puxemos en marcha recursos audiovisuais como o documental ‘As mans do Corpus’, ferramentas que nos permiten unha mellor difusión e non só da noite e día de Corpus, senón que ofrece o coñecemento dunha experiencia vital que permitirá que as persoas visitantes poidan gozar das semanas previas de intensos traballos e da boa acollida dos portais para formar parte da gran familia alfombrista”.

"Ponteareas nunca deixará de ser a vila do Corpus”, afirmou o pregoeiro Sobral
Comentarios