jueves. 04.12.2025

Pinchotea 2025: La Carlotta Burguer, La Preciosa e El Túnel encabezan o palmarés

A terceira edición de Pinchotea bate récords de participación e coroou a La Carlotta Burguer como gañadora, seguida de La Preciosa e El Túnel. O evento consolídase como un dos principais atractivos gastronómicos e dinamizadores da economía local en Ponteareas.
Foto de familia cos establecementos premiados na terceira edición de Pinchotea, acompañados pola alcaldesa Nava Castro, o concelleiro de Comercio Ricardo González, membros do xurado e representantes das casas colaboradoras.
Foto de familia cos establecementos premiados na terceira edición de Pinchotea, acompañados pola alcaldesa Nava Castro, o concelleiro de Comercio Ricardo González, membros do xurado e representantes das casas colaboradoras.

O Concello de Ponteareas deu a coñecer hoxe os gañadores da terceira edición da Ruta de Tapas Pinchotea, unha iniciativa que continúa a consolidarse como un referente gastronómico e lúdico na comarca do Condado–A Paradanta. Nesta ocasión, o terceiro premio recaeu en El Túnel, o segundo en La Preciosa e o primeiro en La Carlotta Burguer. Ademais, o xurado decidiu outorgar unha Mención Especial a Luna Flores e á Vinoteca Casa Rivero.

A alcaldesa, Nava Castro, destacou o impacto positivo desta iniciativa no conxunto da economía local. “Pinchotea reafírmase como unha iniciativa que fortalece o tecido comercial, promove a cooperación entre negocios, atrae visitantes e xera movemento económico en diferentes capas da comunidade. Estas accións colectivas non só dinamizan a hostalaría, senón que tamén benefician de maneira indirecta a outros sectores locais, contribuíndo a unha economía máis viva e sostible. Animo a todos os locais que aínda non participan a sumarse nas vindeiras edicións e a aproveitar esta plataforma para innovar e destacar”, afirmou.

Pola súa banda, o concelleiro de Comercio, Ricardo González, subliñou o alto nivel culinario desta terceira edición: “Un dos aspectos máis reseñables foi o evidente salto cualitativo na elaboración dos pinchos. Ano tras ano, o nivel creativo, técnico e de presentación continúa ascendendo, e nesta edición alcanzouse unha excelencia destacada polos propios profesionais”.

O xurado estivo formado por Fátima Estévez e Rebeca Moares, profesoras do ciclo medio de Panadería e Confeitería do EFA A Cancela, quen avaliaron a calidade e creatividade das propostas. Tamén participou Roberto Walter, do Departamento de Operacións de Cociña do Centro Superior de Hostalaría de Galicia. Ademais, diversas casas comerciais colaboraron con premios como cursos formativos, cuñas de radio, maquinaria profesional e utensilios. O Concello expresou o seu agradecemento polo apoio recibido e pola implicación dos establecementos participantes, “polo esforzo e superación demostrados nesta edición”.

Pinchotea 2025: La Carlotta Burguer, La Preciosa e El Túnel encabezan o palmarés
Comentarios