viernes. 19.04.2024

O Concello volve a organizar de forma presencial un dos eventos educativos máis importantes para o alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato dos institutos de Ponteareas e da contorna. A cuarta edición da Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas terá lugar os días 15 e 16 de febreiro no pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino para que mozos e mozas poidan coñecer todo a oferta formativa da contorna.

A alcaldesa e concelleira de Ensino, Cristina Fernández Davila, destaca que “a volta a presencialidade da Feira supón un valor engadido dun evento moi importante para a nosa mocidade”, xa que, “trátase dun encontro no que os centros formativos achegarán ao alumnado información sobre as modalidade que imparten e demostracións prácticas do traballo que realizan dentro do seu currículo educativo, un verdadeiro escaparate da oferta de ensinanzas profesionais para que alumnado e público xeral poida coñecer de primeira man as materias que se imparten e os seus diferentes perfís profesionais”.

A rexedora tamén pon en valor “o gran esforzo do Concello por ofrecer  un escaparate da formación actual a todo o alumnado de Ponteareas e comarca sen ter que desprazarse, evento que só se fai en grandes cidades como Vigo e Pontevedra”. “Ademais vai ser unha Feria que conte con demostracións e prácticas en directo de montaxe dun xardín, a mostra dunha gran tirolina, escultura en directo ou un obradoiro de maquillaxe ou moda entre outras”, destaca.

As especialidades que van estar presentes son a de Administración, xoeiría, soldadura, restauración, idiomas, música, electricidade, auxiliar de voo, deportes, moda, cantería, imaxe e son, sanidade, electrónica, informática, panadería, arte dramática, caracterización, ilustración, xestión ambiental, educación infantil, artes plásticas e deseño. A escola profesional de banda deseñada, O Garaxe Hermético, tamén terá o seu espazo, berce de grandes artistas de Ponteareas como Pablo Prado, Anémona de Río ou Sergio de Arcos.

Para facilitar a experiencia de todas as persoas asistentes o Concello tamén contará con cinco guías do voluntariado municipal que mostrarán os diferentes stands en pequenos grupos, unha organización innovadora que permitirá facer as visitas máis persoais e seguras.

A alcaldesa tamén quere lembrar á veciñanza que a entrada a feira é de balde  o martes pola tarde e que “todos e todas poden asistir para tratar de atopar novas oportunidades de formación e profesionais”. Mentres que as mañás do martes e do mércores son baixo reserva para o alumnado dos centros de Ponteareas e de Mondariz, Salvaterra do Miño, As Neves, A Cañiza e Salceda de Caselas.

Dende o Concello tamén queren agradecer a todos os centros formativos que participan nesta Feira expoñendo, así como a todos aqueles que apostan por visitala co seu alumnado.

Mozos e mozas ponteareáns poderán coñecer toda a oferta formativa da contorna