martes. 04.11.2025

O Pazo de Mos acolleu esta mañá a presentación oficial da programación das Festas da Rosa, que este ano chegan á súa 52ª edición consolidándose como un dos eventos culturais e sociais máis importantes da comarca. O humorista, actor e presentador galego Roberto Vilar, coñecido polo seu programa Land Rober na TVG, será o encargado de dar o pregón destas festas.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, liderou a presentación no Pazo, acompañada polo secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, a concelleira Sara Cebreiro, e representantes de diversas asociacións e colectivos do municipio, como Montserrat Troitiño (Palilleiras de Mos), Carolina Estévez (Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña) e Manuel Seijo (Asociación de Hostaleiros de Mos).

DSC_0197
A alcaldesa, Nidia Arévalo, e Valentín García.

“As Festas da Rosa son moito máis ca un evento lúdico, son o reflexo da identidade, da cultura e da unión do pobo de Mos”, afirmou a alcaldesa antes de anunciar que Roberto Vilar será o pregoeiro desta edición.

Un dos grandes atractivos deste ano será a chegada dunha etapa da Volta Ciclista a España, que situará novamente a Mos no mapa deportivo internacional e dará un novo impulso á Festa da Rosa. A alcaldesa subliñou o crecemento e a relevancia que acadou a festa, anunciando ademais a súa presentación na Casa de Galicia en Madrid o próximo 5 de xuño.

Valentín García destacou a singularidade da Festa da Rosa, afirmando que "hoxe fálase da Festa da Rosa fóra das nosas fronteiras" e que "en Mos está pasando algo, é ese tren que está continuamente funcionando, e cada vez ten máis vagóns".

Programación das Festas da Rosa 2025:

  • Xoves, 12 de xuño:

    • 10:00 - 13:00: Festa para escolares na Praza do Concello.
    • 17:00 - 19:00: Festa para as asociacións sociais.
    • 18:00 - 21:00: Recepción de ramos para o concurso de rosas en Petelos.
    • 20:30: Misa cantada pola Coral Ventos do Val na Igrexa de Petelos, seguida do chupinazo de inicio das festas.
    • 21:30: Actuación da Orquestra América.
  • Venres, 13 de xuño (Día Grande):

    • 10:00 - 11:30: Recepción de rosas e empanadas de millo para os concursos no Pazo de Mos.
    • 10:30: Actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.
    • 11:00: Misa solemne na Igrexa Santa Eulalia de Mos.
    • A continuación: Ofrenda floral aos Marqueses de Mos, lectura do pregón e nomeamento dos Valedores da Rosa (Asociación Galega Residentes De Mos En Bos Aires, Román Rodríguez, Manuel Carlos Mouriño, Ana María Pastor, Javier Guillén e Daniel Sánchez Arévalo) e da Valedora da Rosiña (Martina Sande Martíns).
    • Entrega de premios dos concursos.
    • Exaltación da empanada de millo pola Asociación de Mulleres Rurais De Mos.
    • 22:00: Concerto estelar de Juan Magán no Pazo de Mos, con actuacións dos DJ’s locais Traffic House e Samu Pexe. (Concerto gratuíto).
    • Campamento de conciliación gratuíto "A Rosiña" para alumnos de infantil e primaria (inscricións ata o 9 de xuño en www.mos.es).
  • Sábado, 14 de xuño:

    • 18:00: Memorial Juan Estévez Nené no campo de fútbol de CotoTorrón.
    • 19:00: Festival Internacional da Rosa no Pazo de Mos, co Grupo Nosa Terra de Pereiras, o Coro e Rondalla “Virgen de las lágrimas” de Murcia, e a Asociación Residentes de Mos en Bos Aires.
  • Domingo, 15 de xuño:

    • II Torneo de Fútbol As Rosas.
  • Sábado, 21 de xuño:

    • 19:00: IV Xuntanza Gastronómica “BaresMos” no Pazo de Mos, con actuación da Orquestra Panorama City ao final da xornada.
  • Sábado, 28 de xuño:

    • 21:00: Desfile de Palilleiras de Mos DesfilaMos e V Concurso noveis deseñadores 2025 no Pazo de Mos.
  • Domingo, 29 de xuño:

    • XVII Xuntanza de Palilleiras de Mos no Pazo de Mos.

O Concello de Mos convida a toda a cidadanía a participar e gozar desta completa programación que celebra a tradición, a cultura e a identidade do municipio.

Mos desvela un programa estelar para a 52ª edición das Festas da Rosa, con Roberto...
Comentarios