viernes. 26.04.2024

O Concello de Tui acordou a concesión dos premios “Cidade de Tui” correspondentes a este ano 2023 ao médico tudense Juan Carlos García-Valdecasas Salgado, na categoría individual, e á Radio Municipal de Tui, na modalidade colectiva.

Juan Carlos García-Valdecasas Salgado naceu en Tui no ano 1952, residindo en Barcelona dende a infancia. Graduado na Facultade de Medicina da Universidade de Barcelona, licenciándose en 1975 e obtendo 28 matriculas de honra e tres sobresalientes. Obtivo a cualificación de Matricula de Honra e Premio Extraordinario de Licenciatura.

Juan Carlos García-Valdecasas.
Juan Carlos García-Valdecasas.

É catedrático de Cirurxía e xefe de Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva. É o responsable da Unidade de Cirurxía Hepatobiliopancreática e Transplante do Hospital Clínic de Barcelona.

En 1988, realizou o primeiro transplante de fígado do Hospital Clínic de Barcelona e, dende entón, esta institución realizou máis de 2000, sendo un dos centros máis activos de Europa. A unidade realiza todo tipo de transplantes, ademais do convencional. Foi pioneiro en transplante hepático en adulto procedente de doante vivo (2001), así como en transplante de fígado procedente de doante en parada cardíaca. O seu grupo é na actualidade un centro de referencia na obtención de órganos a partir deste tipo de doantes, mediante a utilización da Recirculación Normotérmica. Foi tamén pioneiro na incorporación da cirurxía laparoscópica na Cirurxía Hepática formando parte da abordaxe habitual de moitos deses pacientes

Escribiu máis de 400 artigos, a maioría no campo da Cirurxía Hepática e o transplante. Foi profesor convidado ten impartido conferencias tanto en España como no estranxeiro. García-Valdecasas é unha referencia na medicina española e mantivo sempre a súa vinculación coa nosa cidade, á que retorna con frecuencia.

24032023 Radio Municipal de Tui
 Traballadores da Radio Municipal de Tui.

Por outra o premio na modalidade colectiva é concedido á Radio Municipal de Tui con motivo do trinta aniversario da súa creación, o 16 de abril de 1993, e logo de consolidarse como unha referencia informativa, tanto en Tui como na contorna do Baixo Miño, ao longo destas décadas. Nestes anos a equipa encabezada por José A. Font, Beti Rey e Javier Martínez reuniu a numerosos colaboradores que teñen enriquecido a programación da Radio Municipal cunha ampla diversidade de contidos. Un premio que recoñece este amplo abano de persoas que ao longo destes anos teñen consolidado a emisora municipal como un espazo de información e entretemento para todos os veciños e veciñas do Baixo Miño. É tamén un viveiro de profesionais que agora traballan noutros medios ou noutras profesións, a Radio Municipal de Tui.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, estes galardóns recoñecen o relevante valor desenvolvido tanto pola Radio Municipal nestes trinta anos de traxectoria, así como a achega que no ámbito da medicina ten realizado Juan Carlos García-Valdecasas sendo unha referencia internacional pola súa traxectoria profesional.

Os Premios Cidade de Tui foron creados polo Concello de Tui no ano 2021 sendo concedidos nestes dous anos na categoría colectiva á Residencia San Telmo das Hermanitas de los Ancianos Desamparados e a SOS Tomiño – Baixo Miño, mentres que na categoría individual foron premiados Silverio Rivas e Alberto Romero “Romer”.

Os premios “Cidade de Tui” serán entregados nunha gala que se celebrará no Teatro Municipal tudense o vindeiro sábado 8 de abril.

García-Valdecasas Salgado e a Radio Municipal, Premios ‘Cidade de Tui’
Comentarios