jueves. 18.04.2024

A música chega a Ponteareas de novo esta semana da man do Cultura24, un programa co que o Concello procura levar a actividade cultural e de lecer a todas as parroquias do municipio, dinamizando os centros culturais, as agrupacións musicais e o propio tecido creativo da vila. Nesta ocasión, as parroquias contarán con toda unha programación de música folk con catro concertos en catro centros culturais distintos os días 23, 24 e 25 de xuño.

O primeiro en debutar será o grupo ‘Ronco & Fol’, que chegarán á Casa Cultural de Arnoso o vindeiro xoves 23 de xuño a partir das 22.00 horas para amenizar a noite de San Xoán. Ao día seguinte, 24 de xuño, será a quenda do grupo de gaiteiros ‘Os muíños de Oliveira’, que tocarán a partir das 21.00 horas na Casa Cultural de Bugarín.

O sábado 25 de xuño o público poderá gozar de sesión dobre. O ritmo, a arte e a diversión da ‘Charanga SDK’ estarán no Centro Cultural de Prado a partir das 21.00 horas, mentres que ‘Voces de Arrieiro’ e a súa homenaxe ás cancións populares sairán ao escenario da Casa Cultural de Celeiros a partir das 22.00 horas.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a participar nestas novas actividades culturais de balde que encherán de música as parroquias.

Para escoitar folk, as parroquias ponteareáns
Comentarios