domingo. 28.04.2024

A conta xeral ponteareana deixa ao descuberto unhas perdas de 1,7m € do bipartito Bng-Psoe só no ano 2022

Dos 28,6 M€ de ingresos previstos tan só recadaron 19 M€ (apenas un 66,4%) e no capítulo de investimentos, non chegaron nin ao 50 % do inicialmente calculado. O informe de Intervención incide nunha mala xestión, que conleva máis endebedamento e maior desestabilidade orzamentaria, que se traduce en menos servizos municipais que á súa vez están máis deteriorados. Aprobáronse as subvencións nominativas con votos a favor de todos os grupos salvo EU, que tras os 15 días de exposición pública regulamentarios, poderán abonarse ás diferentes asociacións

Ponteareas.
Ponteareas.

O pleno extraordinario do Concello de Ponteareas confirmou o que o actual equipo de goberno leva meses denunciando. A ineficiencia do bipartito do BNG-PSOE nos últimos anos tradúcese nunha situación crítica das arcas municipais, que deixan ao Concello cun ínfimo marxe de manobra para poder ofrecer uns servizos de calidade aos veciños e ás veciñas. O labor do actual grupo goberno conleva unha importante dificultade engadida, debido a que o estado xeral das contas municipais é moi diferente ao que desde a oposición insisten en facer crer. Só en 2022 o remanente de tesourería, que sempre debería ser positivo mostrou 1’7M€ en perdas.

A Conta Xeral deixou ao descuberto a verdadeira situación económica do Consistorio. Tal e como recolle o informe de Intervención, a xestión levada a cabo nos últimos tempos do anterior mandato tradúcese en máis investimento e maior desestabilidade orzamentaria, que á súa vez ten repercusións entre a veciñanza: menos servizos municipais, e deterioro dos existentes pola falta de investimento, a pesar do alto grao de inexecución de fondos.

No debate plenario destacouse que dos 28,6 millóns de euros de ingresos previstos polo anterior goberno, tan só foron quen de recadar 19 M€ (9,6 M€ menos), o que supón un grao de execución de apenas o 66,4% con todo a favor. Finalmente, no capítulo dos investimentos, a realidade desmonta os argumentos da actual oposición, ao non chegar nin ao 50 % do inicialmente calculado.

A estas cifras, cabe engadir aqueles importes que non contabilizaron por intereses políticos como máis de 307.000 euros en obrigas, máis de 500.000€ que se corresponden a saldos erróneos e duplicados na contabilidade, sen depurar, que se están sumando como ingresos, tal como o advirte a Intervención municipal desde o ano 2018. Diferentes partidas sen créditos suficientes para atender os servicios, como é o caso da Electricidade, (orzamentaron 698.000€ para todo un ano, cando só no ano 2022 gastaron 906.622€, e deixaron máis de 300.000€ sen contabilizar, tal e como reflexan os informes da Interventora).

Con esta situación, o bipartito BNG-PSOE deixou sen atender necesidades básicas como o saneamento nas parroquias, do que en 8 anos non executou nin un só metro, aínda que é competencia municipal; o Plan Parcial de A Lomba, que aparece nos orzamentos pero que non existe; investimentos da EDUSI, algúns pendentes de facer, outros pendentes de xustificar e outros, e sen cobrar a totalidade; ou o estado das instalacións municipais como a Residencia de maiores pola que xa foron multados por non facerlle as melloras que demanda o edificio, a Escola Infantil, na que hai 2 anos eliminaron 29 prazas por non facer as obras que lles esixían, ou o Auditorio municipal, que tiveron pechado durante máis de 2 anos.

CUMPRIR OS COMPROMISOS, A PESAR DAS DIFICULTADES

Con esta situación económica límite, o goberno que lidera Nava Castro ten como principal obxectivo dar cumprimento aos compromisos adquiridos coa cidadanía, coas asociacións, entidades e clubs da vila. De feito así quedou de manifesto ao conseguir a aprobación das subvencións nominativas para estas agrupacións, ao terse prorrogado o orzamento do anos 2022.

O equipo de goberno ratificou en pleno as subvencións municipais para que todos aqueles colectivos de Ponteareas que o teñen solicitado poidan emprender o procedemento de solicitude e posterior xustificación das achegas do Concello. Despois da súa aprobación plenaria, co único voto en contra do concelleiro de Esquerda Unida, o procedemento entra no período de exposición pública de 15 días, a partires do cal, de non rexistrarse alegacións, dará continuidade o proceso para facer efectivo o pago antes de que expire o ano.

Finalmente, Cristian Montes foi nomeado concelleiro e a alcaldesa pediu un minuto de silencio en recordo dos falecidos no lumes desta madrugada en Vigo.

A conta xeral ponteareana deixa ao descuberto unhas perdas de 1,7m € do bipartito...
Comentarios