A Festa do Viño do Condado do Tea, en Salvaterra, entra na súa recta final e prepárase para o seu día grande o domingo, despois dunha semana de actividades que celebran o prestixio dos viños da subzona do Condado. O programa oficial, que comeza este venres, mestura música, tradición e, por suposto, a mellor selección de viños Rías Baixas.
Unha fin de semana para desfrutar do mellor viño
Venres 29 de agosto: A xornada arrinca ás 20.00 horas coa inauguración oficial da LXVI Festa do Viño do Condado. A cerimonia dará paso ás actuacións da Banda de Gaitas Pontenova e unha charanga. A noite continuará ás 23.00 horas cos concertos de Galifunk Brass, G-Face e De Ninghures, que encherán de ritmo o recinto amurallado.
Sábado 30 de agosto: O día comeza ás 11.00 horas coa apertura dos postos de viño e comida no Recinto da Muralla. A esa mesma hora terá lugar a Cata Oficial “A Procura dos Viños Deliciosos”, na que se elixen os mellores caldos do ano. A música da noite, a partir das 23.00 horas, correrá a cargo de La Mmarca, Os D´Abaixo e O Caimán do Río Tea.
Domingo 31 de agosto: O día grande da festa arranca ás 10.30 horas co desfile de bandas de gaitas e grupos folclóricos, que percorrerán o Recinto da Muralla. Despois terá lugar o XXXII Gran Capítulo da Cofraría do Viño Condado do Tea e Espumosos e o nomeamento de novos cofrades. Ás 13:00 horas, o actor e presentador Rubén Ríos será o encargado de ler o pregón. A música tradicional continuará ás 19:00 horas co concerto de Lenha Verde, Son das Tabernas e La Trío Machine, poñendo o broche de ouro a esta edición.
Túnel do Viño e máis actividades
A Festa do Viño do Condado tamén ofrece outras propostas para os amantes do viño. O Túnel do Viño, situado no Museo das Ciencia do Viño no recinto amurallado, abre as súas portas o venres 29 e o sábado 30, das 11:00h a 14:00h e de 17:00h a 21:00h. Por un prezo de 15 euros, os visitantes poderán degustar unha ampla selección de viños da subzona.
Ademais, durante toda a semana celebráronse catas comentadas con expertos de 18 adegas da zona, unha actividade xa tradicional que pon en valor a calidade e o traballo das bodegas.
