viernes. 29.03.2024

A Clásica Álvaro Pino chega esta fin de semana a Ponteareas cunha morea de actividades previas coas que quentar motores para unha das marchas cicloturistas con máis historia na vila e na comarca. O concelleiro de Depores, Miguel Bouzó, agradece á organización “todo o que nos ten preparado para vivir unha fin de semana de moito ciclismo, un deporte que é tradición en Ponteareas e no que podemos presumir con orgullo de ter tres gañadores da Volta a España”.

Ao abeiro da Feira do Corredor, a Clásica Álvaro Pino comezará en Ponteareas o sábado 21 de maio cunha Xincana Infantil para nenos e nenas na Praza de Bugallal organizada polo Club Ciclista Ponteareas a partir das 17.30 horas. Non é necesaria a inscrición previa para poder participar.

Tras esta actividade será a quenda dunha charla coloquio na que participarán Álvaro Pino, Javier Mínguez, Rafa Rodríguez e Ezequiel Mosquera que contará con Bea Pino como moderadora. O encontro será ás 19.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal, con entrada de balde e libre ata completar aforo.

Pola súa banda, a carreira sairá ás o domingo 22 de maio ás 09.30 horas da Praza de Bugallal de Ponteareas e contará con Discamino, Serafín Martínez, Ramón Troncoso, Ezequiel Mosquera, Óscar Pereiro, Gustavo César Veloso, Delio Fernández, Samuel Blanco e Guillermo Janeiro como ciclistas invitados para participar na marcha xunto a Álvaro Pino. A chegada de corredores agárdase a partir das 14.00 horas tras 110 km de percorrido pasando por sete concellos e tres altos de montaña.

Bouzó convida a toda a veciñanza a gozar dunha fin de semana de ciclismo participando tanto nas actividades organizadas para este sábado como animando a todos os corredores o domingo na carreira.

A Clásica Álvaro Pino
Comentarios