A Catedral de Tui inaugura este domingo o Ano Xubilar polo VIII centenario da súa dedicación

De izq. a drcha.: José Diéguez, deán de la catedral; Sonsoles Vicente, concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade de Tui; Elvira Larriba, subdelegada de Patrimonio; Mons. Antonio Valín, obispo de Tui-Vigo; Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; Samuel Diz, músico tudense; Ana Núñez, concelleira de Patrimonio.
A diocese de Tui-Vigo abre este domingo o Ano Xubilar polo VIII centenario da dedicación da catedral, cunha misa presidida polo arcebispo de Santiago. O programa inclúe restauracións, iniciativas culturais e proxectos museísticos que marcarán o futuro da seo tudense.

A capela das Reliquias da Catedral de Tui acolleu este xoves a presentación oficial do VIII centenario da dedicación da seo tudense, un programa conxunto da diócese de Tui-Vigo e do Concello de Tui que terá o seu punto de partida este domingo, 30 de novembro, coa inauguración do Ano Xubilar. A eucaristía solemne celebrarase ás 12.00 horas, presidida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, e concelebrada polo bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, o bispo emérito tudense, o metropolitano de Braga, prelados da provincia eclesiástica de Santiago e numerosos sacerdotes. A misa poderá seguirse en directo no canle de YouTube da diócese.

Ao rematar a eucaristía, interpretarase a obra «Os fogos de San Telmo», do compositor puertorriqueño Hermelindo Ruiz Mestre, nun diálogo artístico entre a catedral tudense e o fresco de San Telmo da illa de Porto Rico. A interpretación correrá a cargo da violinista Sara Areal e do guitarrista Samuel Diz, dirixidos pola mestra Roselyn Pabón.


Un acto institucional para abrir un ano histórico

Na presentación participaron José Diéguez Dieppa, deán da catedral; Sonsoles Vicente Solla, concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade; Elvira Larriba Leira, subdelegada de Patrimonio da diócese; Samuel Diz, director do proxecto Música no Claustro; o alcalde Enrique Cabaleiro; e o bispo Antonio Valín.

Entre os anuncios máis destacados está a apertura extraordinaria do altar das Reliquias, accesible o domingo 30 de novembro e o luns 1 de decembro, unha oportunidade excepcional ao tratarse dun altar que só se abre habitualmente na festividade de San Telmo, patrón da cidade e da diócese.

 


Xornada sacerdotal e reforzo da devoción mariana

O 1 de decembro, día propio da dedicación da catedral, celebrarase unha xornada sacerdotal, cunha conferencia ás 11:00 horas do teólogo Ramón Navarro, director do Secretariado da Comisión Episcopal de Liturxia, titulada «Este edificio hace vislumbrar el misterio de la Iglesia». Ás 12:30 horas, o bispo presidirá unha nova eucaristía.

En cumprimento das indicacións da Santa Sé, promoverase especialmente a devoción á Virxe María durante o Ano Xubilar. A segunda quincena de xuño incluirá unha peregrinación e ostensión de Nosa Señora da Franqueira na catedral.


Proxectos patrimoniais para o VIII centenario

Durante a presentación, Elvira Larriba detallou as principais actuacións patrimoniais vinculadas á programación do centenario, que marcarán a vida cultural da diócese nos próximos anos.


1. TUDE. Museo Catedralicio Diocesano

O gran proxecto museístico da diócese combina o Museo Catedralicio e o Museo Diocesano nun único espazo:

  • Unificará coleccións para mellorar a comprensión do conxunto catedralicio.

  • Permitirá un mantemento máis sostible do patrimonio.

  • Abrirá novos espazos ao público:

    • Un acceso desde a praza de San Fernando.

    • Un xardín panorámico aberto ao Miño e Valença.

    • Zonas como a ronda de arcos, cabalarizas, claustro, sala capitular e áreas do palacio episcopal dedicadas á historia da diócese, o cisma e a liturxia.

  • A maior parte das pezas exhibiranse no Palacio Episcopal, actualmente en rehabilitación.

  • Inauguración prevista: últimos meses de 2026, antes de concluír o VIII centenario.


2. Exposición interdiocesana “Tui·Valença. De Braga a Compostela”

As dióceses de Braga, Viana do Castelo, Tui-Vigo e Santiago impulsan un proxecto cultural común que destacará a unidade espiritual e histórica entre Galicia e o Norte de Portugal.

  • Será unha exposición itinerante polas catro dióceses.

  • Incluirá actividades culturais, científicas e divulgativas.

  • Dará continuidade ao VIII centenario.

  • Primeiras sedes: Tui e Valença en maio de 2027.

  • Presentación oficial: outubro de 2026 na Catedral de Tui.


3. Vidreira conmemorativa do 800 aniversario

  • Instalarase no rosetón sur, sobre o retablo da Expectación.

  • Obra contemporánea avalada pola Dirección Xeral de Patrimonio.

  • En proceso de deseño por un artista galego de proxección internacional xunto con mestres vidreiros.

  • Desenvolverase ao longo do ano xubilar.


4. Restauración da capela de Santiago Apóstol

  • Retablo barroco de 1696, obra de José Domínguez Bugarín, que incorpora un relevo manierista de Santiago a cabalo.

  • Presenta repintes históricos; conservarase a capa con maior valor artístico.

  • Intervencións previstas:

    • Saneamento e consolidación da madeira.

    • Restauración da vidreira.

  • Finalización prevista para comezos de 2026.


5. XLIV Xornadas Nacionais de Patrimonio da CEE

  • Reunirán aos responsables de patrimonio das dióceses españolas.

  • Inclúen conferencias, mesas redondas e visitas culturais.

  • Tema central: o patrimonio como expresión da fe.

  • Celebraranse do 23 ao 26 de xuño de 2026.


Accións culturais ao longo de 2025

A programación anual incluirá tamén:

  • O taller de fotografía de Iago Eireos: «Tres olladas á Catedral de Tui: Arquitectura, Emoción e Narración».

  • Avances no deseño da vidreira conmemorativa.

  • Actividades litúrxicas, culturais e formativas en colaboración co Concello de Tui.


«A catedral é fogar e memoria da nosa comunidade»

O bispo Antonio Valín destacou que este centenario é unha ocasión para:

  • Afondar no noso ser Igrexa”.

  • Medrar como comunidade de crentes”.

  • Lembrar que a catedral é “casa familiar e memoria viva da fe de xeracións”.

Agradeceu o apoio institucional, especialmente do Concello de Tui, e convidou á cidadanía a participar activamente no Ano Xubilar, presencialmente ou a través da retransmisión en directo.


Programación conxunta do Concello de Tui e a diócese

O Concello de Tui deu a coñecer tamén a programación de actos prevista para o mes de decembro, moitos deles organizados de maneira conxunta coa diócese de Tui-Vigo. Cada mes, publicarase un díptico informativo co detalle das actividades programadas.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou na súa intervención que “a catedral é a alma e o corazón da cidade, e unha das grandes iconas espiritual e patrimonial de Tui, de Galicia e deste territorio transfronteirizo”. Aproveitou o rexedor tudense para demandar do conxunto das administración públicas “un compromiso en aras de que os eventos que vaiamos a realizar gocen do maior respaldo posible” solicitando a colaboración financeira para “poder asumir e desenvolver os actos que imos realizar” e agardando que “haxa corresponsabilidade porque este un dos grandes símbolos patrimoniais e relixiosos deste territorio”. Salientou Enrique Cabaleiro coma esta efeméride é unha gran ventá para trasladar todo o potencial que ten Tui, tanto a nivel patrimonial coma creativo e humano” e amosou o seu convencemento en que “esta celebración vai converter a Tui nunha das grandes capitais culturais”. Reafirmou tamén o compromiso da institución municipal co conxunto catedralicio para que “siga sendo un dos nosos sinais de identidade, do que nos sentimos orgullosos”.

A concelleira de Cultura,

A diócese agradeceu expresamente a colaboración e implicación do Concello para facer deste VIII centenario da catedral tudense un acontecemento único, tanto desde o punto de vista pastoral como cultural e patrimonial.