domingo. 21.04.2024

O Concello presentou o cartel que anuncia a celebración do Corpus Christi para este ano 2024. Trátase dun deseño do ponteareán Sergio de Arcos no que valoriza o traballo de debullar a flor así como a unión da veciñanza para confeccionar as famosas alfombras da vila. A proposta é a gañadora do concurso que celebrou a administración local.

No evento no que se presentou o cartel participaron a alcaldesa, Nava Castro, o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González e o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera. Ademais, acudiron ao acto alfombristas da vila que durante a noite do sábado 1 de xuño confeccionarán os tapices florais que engalanan as rúas do municipio.

O tenente da alcaldesa, Juan Carlos González, apuntou que “do cartel destacamos a temática e a relación coa vila. Apreciamos como distintas xeracións únense para confeccionar os tapices florais. Ademais, no centro do cartel sitúase o labor fundamental que é o de debullar as flores” e sinalou que o deseño “fala do noso, da nosa festividade. Un cartel que representa a unión de todos os veciños e de todas as veciñas para seguir tecendo a nosa tradición”.

Pola súa banda, a rexedora, Nava Castro, indicou que “un dos maiores orgullos que sinto como alcaldesa é comprobar que a vila continúa sendo sinónimo de talento na música, literatura e, por suposto, a arte. É o caso de Sergio de Arcos que coa súa creatividade comunica o que significa o Corpus Christi, isto é, unión, solidariedade, esforzo e compromiso”.

O goberno municipal lembrou que coa presentación do cartel que anuncia a celebración do Corpus Christi comeza a conta atrás para que a festividade declarada de Festa de interese Turístico Internacional e que ten o expediente incoado de Ben de Interese Cultural chegue á vila durante o sábado 1 e domingo 2 de xuño.

O cartel do Corpus Christi exalta o traballo de debullar a flor así como a unión da...
Comentarios