O carrusel infantil enche de maxia o Nadal tudense e premia as compras no comercio local

O carrusel infantil, protagonista da campaña de Nadal en Tui, que regalará viaxes aos máis pequenos polas compras realizadas no comercio local.
Tui estreará un carrusel infantil na Praza da Inmaculada, unha proposta chea de maxia que premiará as compras no comercio local e que forma parte da campaña municipal para dinamizar o Nadal na cidade.

Unha viaxe chea de fantasía, maxia e ilusión é a que ofrecerá, dende mañá venres, o carrusel infantil instalado na Praza da Inmaculada, un dos puntos neurálxicos do Nadal en Tui. A atracción forma parte da campaña especial de apoio ao comercio local baixo o lema “Este Nadal, merca no comercio local… e viaxa no Carrusel Infantil!”, coa que o Concello busca dinamizar as compras nesta época e encher de vida e encanto as rúas da cidade.

As persoas que realicen compras no pequeno comercio tudense entre o 1 de decembro e o 6 de xaneiro poderán canxear os seus tíckets por unha viaxe gratuíta no carrusel. Ademais, quen non dispoña dun tícket de compra tamén poderá gozar da atracción abonando os 2 euros correspondentes ao prezo do billete.

Deste xeito, cada compra convértese nun pequeno agasallo extra para as familias: unha viaxe entre luces, música e cores que fará as delicias dos máis pequenos.

Desde a Concellería de Comercio e Mercados, destácase que esta iniciativa busca reforzar a importancia do comercio de proximidade. A concelleira de Comercio, Ana Núñez, salienta que coa mensaxe que acompaña a campaña, “Este Nadal, Tui móvese contigo”, preténdese convidar á veciñanza e ás persoas visitantes a apostar polo comercio local ao tempo que participan dun Nadal “cheo de encanto”.

Os establecementos comerciais tudenses poderán recoller dende mañá venres, na Oficina de Turismo, a cartelería da campaña para colocala nos seus locais.