Ponteareas xa ten pregoeiro para as súas Festas do Corpus Christi 2025: Borja Gómez Méndez, un deportista local que encarna a perseveranza, o legado do ciclismo ponteareán e a tradición alfombrista da vila. O anuncio oficial realizouse en rolda de prensa pola alcaldesa, Nava Castro, e o tenente de alcaldesa, Juan Carlos Gzlez Carrera.
A elección de Borja Gómez, ciclista de Discamino con notables logros deportivos e un forte vínculo coa tradición das alfombras florais, foi unánime por parte de toda a Corporación municipal. A alcaldesa, Nava Castro, destacou que Gómez Méndez reúne todas as cualidades desexables nun pregoeiro: "transmitir a emoción e o entusiasmo das festas, lazos fortes co pobo, alma alfombrista e a capacidade de transmitir enerxía, positividade e ilusión".
O ciclista ponteareán dará o pregón dende a Casa do Concello o vindeiro domingo 15 de xuño ás 13:00 horas. Nava Castro subliñou que Borja Gómez é un "símbolo de superación, de esforzo, de compromiso e de dedicación. A súa forza de vontade é un exemplo a seguir. É ponteareán, é deportista, é ciclista e prolonga a tradición deses tres campións de La Vuelta e de tantos e tantos ciclistas e deportistas que a diario acadan podios en múltiples disciplinas e categorías".
Acompañado pola súa familia, o seu adestrador, o presidente do Club Natación Darlim Ponteareas, a presidenta do Club Ciclista que leva o seu nome e membros da corporación municipal, Borja Gómez amosouse visiblemente ilusionado. Nas súas palabras transmitiu o seu profundo orgullo de ser neto e fillo de alfombristas, recordando con emoción as noites de Corpus e o traballo nas rúas na elaboración das alfombras florais.
Borja Gómez non só destaca no deporte como nadador e ciclista, senón que tamén é un activo embaixador da inclusión. Colaborou con asociacións como “Debra-Piel de Mariposa” en eventos deportivos como a París-Roubaix e foi embaixador desta organización no Congreso Europeo de Enfermidades Raras en Polonia en 2022.
No seu palmarés deportivo figuran a participación na Vuelta a España por etapas con Discamino en 2016, etapas nos Pirineos e Alpes en 2017 e 2019, e o Campionato do Mundo de Máster categoría Inclusión en Hamburgo (Alemaña) en 2024. Tamén participou en triatlóns e foi convocado pola selección galega de ciclismo para os Campionatos de España de ciclocross en varias ocasións.
Pedaleando dende os seis anos, Borja Gómez recibiu o Premio aos Valores do Ciclismo en 2018 e logrou a inclusión dunha carreira inclusiva no programa do Campionato de España. Tamén foi beneficiario das becas Vamos-Cola Cao, protagonizando un anuncio que amosou a beleza de Ponteareas a través do ciclismo e a súa festa.
A súa paixón polo deporte non ten fronteiras, participando no Duatlón Val de Soneira e en competicións internacionais en Bélxica.
O tenente de alcaldesa, Juan Carlos Gzlez Carrera, subliñou que Borja Gómez leva o nome de Ponteareas "cargado de valores fundamentais para unha sociedade" aló onde vai. Recoñeceu que, a pesar de que os actos públicos non son o seu forte, aceptou o importante papel de pregoeiro do Corpus Christi, o "emblema e o momento máis importante" da vila, polo que lle están "doblemente agradecidos".
Tanto a alcaldesa como o tenente de alcaldesa recoñeceron o papel fundamental dos pais de Borja, Calis e Montse, por inculcarlle eses valores e apoiar as súas ilusións. O pai de Borja expresou o seu agradecemento ao goberno local e anticipou un día cargado de emoción polo significado que ten para a súa familia, ligada á tradición alfombrista, ao deporte e á inclusión.
