viernes. 19.04.2024

Andaina Solidaria Tudense

A inscrición está aberta até o próximo mércores, 11 de maio, ás 23.59 h ou até completar as 200 prazas establecidas coma máximo. As persoas interesadas deben seguir as instrucións que figuran en www.andatui.es e aboar o prezo 12 euros, no que se inclúe seguro, camiseta conmemorativa, xantar e avitullamentos ao longo do percorrido. Os alimentos recollidos na entrega dos dorsais serán doados a SOS Tomiño Baixo Miño.
Andaina de San Telmo celebrada o pasado 24 de abril. ARQUIVO.
Andaina de San Telmo celebrada o pasado 24 de abril. ARQUIVO.

O próximo sábado, 14 de maio, celebrarase a décimo oitava edición da Andaina Solidaria Tudense, un evento que foi presentado este xoves na casa do concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, e o presidente do club Andatui Rego da Pedra, José Martínez Tato.

Neste acto o alcalde, Enrique Cabaleiro, manifestaba que “manter unha actividade deste tipo durante 18 anos reflicte o traballo que hai detrás de cara a poder consolidar esta proba que é un referente no noso calendario deportivo, e é un referente para moitas persoas, afeccionadas a camiñar, que nos visitan cada ano para participar nesta andaina”. Engadía o rexedor tudense que nesta actividade “mestúrase a práctica deportiva co coñecemento do medio, un medio excepcional coma o Parque Natural do Monte Aloia e do ámbito patrimonial do noso conxunto histórico”.

Pola súa parte o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, agradecía o labor do club AndaTui na organización tanto desta andaina solidaria con SOS Tomiño Baixo Miño, coma coas diferentes actividades que realizan ao longo do ano. O concelleiro animaba “a participar e disfrutar da paisaxe e das rutas que temos”.

O presidente do Club AndaTui Rego da Pedra, José Martínez Tato, comezaban indicando coma este ano cúmprese a 18 edición, tras a ausencia debido a pandemia en 2021, nunha actividade coa que cada ano “queremos ensinar a riqueza que ten Tui e o Parque Natural do Monte Aloia”, polo que cada edición presentan un novo percorrido. O próximo sábado, 14 de maio, sairán ás 10 h da praza da Inmaculada para realizar un tramo do Camiño Portugués, enlazar coa ruta da Pedra Santa, a Ponte das Febres, os Muíños de Paredes, a capela de San Xián, Frinxo e o Alto dos Cubos, para regresar ao punto de partida. En total serán 23 quilómetros de andaina.