viernes. 29.03.2024

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a concelleira de Vías, Obras e Alumeado, Chus Garrote reuníronse hoxe coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, que lles avanzou a redacción do deseño de trazado de mellora da N-120 ao seu paso polas parroquias de Xinzo, Areas e Arnoso. Na xuntanza tamén participaron o xefe da Unidade de Estradas do Estado en Pontevedra, Pablo Domínguez, un representante da empresa redactora do proxecto de trazado e membros da plataforma pola mellora da seguridade viaria da N-120.

Maica Larriba informou aos asistentes que “se trata dun tramo de vía de 5 quilómetros, que vai contemplar a construción de seis rotondas que mellorarán a mobilidade na estrada e garantirán unha maior seguridade, evitando os xiros á esquerda”. Así mesmo engadíu que o deseño do novo trazado contempla unha senda peonil ao longo dos 5 quilómetros que se alternará entrambas marxes da estrada, alén dos conseguintes pases de peóns.

O encontro mantido entre os representantes e técnicos da Administración Xeral do Estado e do Concello, así como cos veciños das parroquias afectadas, buscaba “mellorar a coordinación entre as diferentes Administracións e a propia plataforma veciñal, amais de adiantarlles o traballo realizado ata agora pola Demarcación de Estradas do Estado”.

Maica Larriba quixo subliñar “o compromiso do Goberno e desta Subdelegación coa veciñanza de Ponteareas, que se concreta neste proxecto de trazado que da resposta a unha reclamación histórica da localidade”. A subdelegada agradeceu, así mesmo, “a boa recepción entre os veciños e o equipo de Goberno da proposta, que supón a materialización dun primeiro paso para atender a demanda dos habitantes destas parroquias”.

Unha vez rematado, o proxecto de deseño de trazado someterase a un período de información publica, durante o cal tanto o Concello como calquera veciño poderá presentar as alegacións que considere oportunas. Concluído dito período e unha vez resoltas todas as alegacións presentadas, procederase á licitación do proxecto construtivo definitivo e, posteriormente, á licitación e execución das obras.

Pola súa banda, o alcalde de Ponteareas agradeceu á subdelegada o seu compromiso coa vila e valorou a súa boa disposición, así como o feito de que a veciñanza puidera coñecer xa como será a reforma do vial. “A reunión de hoxe é unha mostra da boa interlocución de Ponteareas co goberno do Estado e co Ministerio de Estradas e tamén un feito que nos permite coñecer os pasos que se van dando e o cumprimento do compromiso para darlle solución a esta estrada pola que pasan 17.000 vehículos diairos nun tramo con alta densidade de poboación nas marxes”.

A concelleira Chus Garrote manifestaba que “se materializa o compromiso real do Estado e que queda claro que o Ministerio de Transportes xa ten un proxecto enriba mesa, un proxecto que recolle as aportacións e demandas tanto da plataforma como do goberno local”.

A N-120 xa ten un deseño ao seu paso polas parroquias de Xinzo, Areas e Arnoso