As Festas do Cristo, os festexos principais do Porriño, comezan esta noite coa celebración da carreira ciclista "A Nocturna" e a partir do sábado e o domingo coa feira de oportunidades "Merca na rúa". E concluirán o domingo, 3 de outubro, coa celebración da XXVIII Festa dos Callos na que este ano participarán preto de trinta establecementos de hostalería, cun prezo de 7 euros por ración que inclúe o pan e a cazola de recordo.
Cami Moreira, concelleira de Cultura e Festas, que hoxe fixo a presentación oficial do programa, afirmou que "necesitamos festas, con serenidade, e socialización, dentro dos límites dos protocolos sanitarios". Moreira dixo que neste segundo ano de celebración en pandemia, coa experiencia adquirida, "todas e todos necesitamos vivir unha normalidade, particularmente que os nenos tamén vexan esa normalidade", engadiu.
En canto ao programa, a concelleira destacou a celebración de numerosos eventos ao aire libre, ata en seis lugares diferentes. Serán a Praza do Concello, o Parque do Cristo, San Sebastián, o auditorio ao aire libre do Centro Cultural Municipal, a carpa instalada na explanada de Roxy e, finalmente, o aparcadoiro do velódromo municipal que albergará unha sesión de auto-cine coa proxección das curtas finalistas no último Festival de Cans.
Entre as actuacións musicais que están programadas, Cami Moreira destacou a presenza o domingo 26, do grupo de cantareiras "As Tanxugueiras", de máxima relevancia por ser as que lideran coa súa canción "Figa", os votos dos seguidores a representar España no Festival de Eurovisión 2022.
Entre as novidades do programa, Cami Moreira destacou o "Trivium Porriño", un xogo de "trivial" sobre o municipio que poñerá a proba o coñecemento sobre Porriño das parellas que participen nas sucesivas eliminacións que comezarán o domingo 19.
Finalmente, a concelleira anunciou que haberá uns pregoeiros moi especiais: Antonio Palacios e Corona Gónzalez, encarnados polos actores que interpretan a ambos personaxes nas visitas guiadas dedicadas ao arquitecto porriñés durante este ano 2021. O acto do pregón será o sábado 25, ás 13 horas, no que suporá o inicio da Semana Grande das Festas que inclúe o festivo local do luns 27 e que rematará o domingo 3 de outubro, co “Recristo".