sábado. 27.04.2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de recibir 26 ofertas para executar as obras da primeira fase do saneamento da parroquia de Ribadetea, no concello de Ponteareas, que suporán un investimento total de preto de 1,7 M€.

Das 26 ofertas presentadas para desenvolver esta actuación, 5 delas están conformadas por UTE, o que suma un total de 31 empresas.

Trátase de executar unha rede de saneamento nos núcleos da Freixa, O Souto e O Eido e a conexión coa rede existente na parroquia de Ribadetea, que conduce as augas residuais á estación de bombeo da Freixa para, posteriormente, dirixilas á depuradora da Moscadeira, situada na parroquia de Ponteareas.

Baixo este contrato, a  empresa adxudicataria, acometerá a construción de 2 estacións de bombeo novas, na Freixa e en Mourade, así como a renovación dos equipos de bombeo da estación de bombeo xa existente da Freixa, xunto coa correspondente rede por impulsión.

Seguindo o deseño do proxecto licitado, na execución das redes que funcionan por gravidade empregaranse tubaxes de PVC de diámetros de 250 e 315 mm. Serán, en total, 3.225 metros de rede, divididos en 3 treitos principais e os seus correspondentes ramais.

O obxectivo da Xunta é iniciar estas obras no segundo semestre desta ano,  que contan cun prazo de execución de 6 meses.

Estas obras sentan as bases para dotar dun servizo de saneamento eficiente e acorde ás súas necesidades a unha poboación de máis de 1.000 habitantes da parroquia de Ribadetea. Ademais, permitirán reducir os riscos de contaminación nas proximidades do río Tea, unha zona catalogada como Zona de Especial Conservación e parte da Rede Natura 2000.

Con esta primeira fase das intervencións dotarase a futuro do servizo de saneamento a toda a parroquia, tendo en conta que a urbanización da Freixa xa dispón deste servizo, ademais de resolver os problemas actuais, ao eliminar os sistemas individuais de saneamento existentes que presentan carencias.

Estes traballos, licitados por máis de 1,5 M€, enmárcanse no convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ponteareas, cun orzamento de preto de 1,7 M€. A Xunta achega o 80 % do investimento, con máis de 1,3 M€ e executará as obras; e o Concello destina ás actuacións case 334.000 euros, o 20 % restante, e disporá os terreos.

As actuacións serán cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da Política Común de España 2023-2027 (PEPAC) en Galicia.

Para impulsar as obras de dotación de saneamento á parroquia de Ribadetea é necesario ampliar a capacidade da depuradora municipal, de forma que lle sexa posible recibir e tratar un maior volume de augas residuais. Esa actuación de ampliación da depuradora da Moscadeira xa está en marcha, ao abeiro dun convenio entre o Concello, a Xunta de Galicia e a sociedade estatal Acuaes, que executa a actuación, declarada de Interese Xeral do Estado.

26 ofertas para executar a 1ª fase do saneamento da parroquia de Ribadetea
Comentarios