sábado. 05.10.2024

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou esta tarde na presentación da obra colectiva Bonaval, de onte a hoxe. Da arquitectura á cidade, de Celestino García Braña, Xerardo Estévez Fernández, María Xosé Fernández Cerviño e Adrián Alonso Lorenzo. Un volume que forma parte da Biblioteca Científica do Consorcio de Santiago e foi dado ao prelo por Teófilo Edicións.

Román Rodríguez lembrou que nesta zona se sitúan dous centros museísticos de referencia como son o CGAC e o Museo do Pobo Galego ‒sito propiamente en Bonaval‒, “que deben ser, de cara á celebración do vindeiro Xacobeo 2021, elementos tractores para o turismo e un polo de oferta cultural para os peregrinos”, tendo en conta que ambos os dous museos se atopan abeirados á Porta do Camiño, acceso principal polo que entran á cidade vella os peregrinos que acceden polo Camiño Francés.

Ao respecto do Museo do Pobo Galego, o conselleiro fixo fincapé no seu “enorme simbolismo” como “fogar espiritual de todos os galegos”. E subliñou o compromiso tanto do Consorcio como da Xunta con esta institución cultural. “Queremos ‒explicou o Román Rodríguez‒ que o Museo chegue á celebración do vindeiro Ano Santo nas mellores condicións posibles. Cunha oferta cultural de calidade para os galegos, os peregrinos e os turistas e un proxecto museográfico adaptado aos tempos”.

Na presentación participaron, ademais do conselleiro, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi; tres dos coautores da obra: María Xosé Fernández Cerviño, Celestino García Braña e Xerardo Estévez Fernández; e o editor da mesma, José Luis Teófilo.

O entorno de Bonval co CGAC e o Museo do Pobo Galego, abeirados á Porta do Camiño, dous...